|
Pregunta de Ana Belén Pontón Mondelo e Bieito Lobeira Domínguez sobre as actuacións previstas pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade relativas á difusión e normalización da lingua galega entre a mocidade.
Á
Mesa do Parlamento
Ana Belén Pontón Mondelo e Bieito Lobeira Domínguez, deputada e deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presentan a seguinte Pregunta, para a súa resposta oral en Comisión, sobre as actuacións previstas pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade relativas á difusión e normalización da lingua galega entre a mocidade.
Todos os estudos e enquisas realizados sobre o uso do galego nas últimas décadas, coinciden en sinalar a alarmante perdida de galegofalantes entre as xeracións máis novas da nosa nación. Un proceso preocupante dado que, entre a poboación de menor idade, consolídase unha tendencia decrecente do uso do galego que pon en perigo o futuro do mesmo. Unha tendencia que contrasta cun período de cooficialidade, onde teoricamente se destinaron recursos importantes á normalización do galego.
O Mapa Sociolingüístico Galego dá boa conta da alarmante mingua de falantes na poboación de menor idade. Máis concretamente cincuenta puntos porcentuais separan os tramos de idade de 65-80 anos e 15-26 anos, en canto as persoas que teñen o galego como lingua inicial. Tal situación compromete un dos piares básicos na normalización lingüística como é a conservación familiar dos usos da lingua. Os dados do censo de 2001 son reveladores. Descende o nivel de usos nas cidades e vilas máis importantes poboacionalmente. É preocupante o ascenso do número de persoas que afirman non usar nunca o galego, pasando de 162 mil a 332 mil.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) considera que debe ser prioritario para a actuación do conxunto do goberno planificar e aplicar as medidas recollidas no Plan de Normalización Lingüística. Se ben, este é un empeño que debe guiar toda a actuación gubernamental, consideramos que debe existir unha especial atención ás medidas destinadas á normalización do idioma galego entre a mocidade.
Polo dito formúlase a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión:
1.ª) Que valoración lle merece á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade o nivel de uso do idioma galego entre a mocidade?
2.ª) Que medidas ten previsto impulsar a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade para promover a normalización do mesmo entre as xeracións máis novas do país?
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2005.
Asdo.: Ana Belén Pontón Mondelo
Bieito Lobeira Domínguez
Deputada e deputado do G.P. do BNG.
|