|
Pregunta de Ana Belén Pontón Mondelo e Bieito Lobeira Domínguez relativa as medidas previstas pola Secretaria Xeral da Igualdade para garantir que nas escolas infantís non se vulneren os dereitos dos nenos e nenas galegofalantes e se impulsen medidas de normalización da lingua galega.
Á
Mesa do Parlamento
Ana Belén Pontón Mondelo e Bieito Lobeira Domínguez, deputada e deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do Regulamento da Cámara, presentan a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Comisión, relativa as medidas previstas pola Secretaria Xeral da Igualdade para garantir que nas escolas infantís non se vulneren os dereitos dos nenos e nenas galegofalantes e se impulsen medidas de normalización da lingua galega.
É hoxe recoñecido e innegábel o proceso regresivo que atravesa o galego. Un proceso complexo no que inciden diferentes variábeis, que pode ser correxido de concretárense actuacións normalizadoras destinadas ao conxunto da sociedade galega.
O Plano de Normalización Lingüística recolle actuacións en diversos ámbitos, logo de analizar as fortalezas e debilidades da nosa lingua nos mesmos. Concretamente, sinálase a escasa presenza do galego nas escolas infantís, “o que pode incentivar tanto a non trasmisión familiar como a desgaleguización dos nenos e nas ao entraren en contacto con eses ámbitos”. Un dado de especialmente significativo se temos en consideración que nesta etapa de desenvolvemento, teñen grande influencia os valores extrafamiliares e de grupo.
O citado Plano establece entre os seus obxectivos o fomento do uso progresivo do galego na etapa de 0 a 3 anos, superando os escasos níveis de uso do galego. Proponse ademais, que se promovan actitudes favorábeis á galeguización.
Constátase pois o escaso esforzo e importancia outorgado a este aspecto, ao tempo que se repara nel como unha oportunidade para poder invertir as tendencias de desgaleguización que se dan entre as xeracións máis novas da nosa nación. Que se cumpra o dereito dos mais cativos e cativas a recibiren unha atención na súa lingua inicial é un dos máis elementais dereitos humanos.
Polo dito formúlanse as seguintes preguntas para a súa resposta oral en Comisión:
1.ª) Que valoración lle merece á Secretaria Xeral de Igualdade o grao de uso do idioma galego nas Escolas Infantís?
2.ª) Que medidas ten previsto a Secretaria Xeral de Igualdade para promover o uso do galego na atención dos nenos de 0-3 anos e dar cumprimento nesta materia ao Plano de Normalización Lingüística?
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2005.
Asdo.: Ana Belén Pontón Mondelo
Bieito Lobeira Domínguez
Deputada e deputado do G.P. do BNG
|