A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

Proposición non de lei por iniciativa do deputado Bieito Lobeira Domínguez para relativa á adopción de medidas para a defensa das emisións en galego por parte da TVE e RNE, perante a ameaza de redución drástica.

 

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa do seu deputado Bieito Lobeira Domínguez, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, apresenta a seguinte Proposición non de lei para o seu tratamento en Pleno, relativa á adopción de medidas para a defensa das emisións en galego por parte da TVE e RNE, perante a ameaza de redución drástica.

Recentemente, Directora de Radio Televisión Española (RTVE) e Presidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), veñen de facer público o denominado “Plano de Saneamento e futuro” para a RTVE, que ven a representar un forte prexuizo para o proceso de normalización lingüístico na Galiza, a supresión neste meio de comunicación de calquer indicio de respecto á diversidade cultural e lingüística existente no Estado español, e mesmo a eliminación do cativo ámbito de información galega, propia, que se viña oferecendo.

Así, na prática, e através dunha decisión de carácter evidentemente política, reduciranse os informativos da TVE-G na Primeira a só 30 minutos de luns a venres, facendo desaparecer a programación en galego da 2 e da fin de semana. Simultaneamente, elimínanse as desconexións territoriais de Radio 5 (“Todo Noticias”) que se viñan realizando en lingua galega.

Xa con anterioridade, e malia ao acordo parlamentar acadado nas Cortes do Estado en 2004, a iniciativa do BNG, a mesma Directora da RTVE anunciaba a decisión de non recuperar Radio 4 (emisora de Radio Nacional de España –RNE- con programación en galego, suprimida en 1992) pois, segundo ela, a emisión en galego é “un gasto significativo, inasumíbel, e non é prudente adoptar agora esta decisión”. Xa que logo, e máis unha vez, o recurso á motivación monetaria para xustificar unha nova marxinación do noso idioma.

Con toda probabilidade, estas decisións do Goberno español provocarán un impacto importante no cadro de traballadores e traballadoras de RTVE na Galiza, alén dunha discriminación lingüística inaceitábel. Resulta a este respecto elocuente o interese e o desinibido afán investidor da RTVE para a contratación de programas multimillonarios (lémbrese o fallido espazo de Pepe Navarro), ou doutros de interese informativo ou cultural absolutamente nulos, fronte á calculada eliminación da programación en galego.

A drástica redución (nalgún caso desaparición absoluta) de programación en galego e dende Galiza por parte da RTVE (non se debe esquecer: meio de titularidade pública e, portanto, con finalidade de servizo á sociedade), vai provocar unha maior desproporción, en prol do español, na oferta televisiva e radiofónica que recebe o pobo galego. Se a este feito obxectivo, incuestionábel, se lle acrescenta a intención de que o centro territorial galego dependa directamente da “Área de Informativos” de Madrid, o esquema resultante non é que sexa mellorábel, senón completamente rexeitábel.

         Estas son as razóns que levan ao Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego a formular a seguinte Proposición non de lei para o seu tratamento en Pleno.

O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a dirixirse ao Goberno español co obxectivo de:

  1. Defender, fronte ao denominado “Plano de Saneamento e futuro” da RTVE, o mantemento de horas de emisión, tanto da radio como da televisión pública estatal que se emiten na Galiza.
  2. Recuperar unha frecuencia radiofónica emitida integramente en lingua galega e centrada na información sobre a economía, a sociedade, a cultura e a política de Galiza.
  3. Fomentar a produción propia, galega, no centro territorial.
  4. Incrementar o uso da lingua galega na programación.
  5. Defender os postos de traballo e a estabilidade no emprego no cadro de persoal da RTVE na Galiza.

Santiago de Compostela, 6 de Marzo de 2006 .

Asdo.: Bieito Lobeira Domínguez       

                              Deputado e Portavoz S. do G.P. do BNG             



     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate