|
Proposición non de lei a iniciativa do seu deputado Bieito Lobeira Domínguez relativa á adopción de medidas para o emprego oficial da forma orixinal galega na toponimia das provincias marítimas.
Á
Mesa do Parlamento
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa do seu deputado Bieito Lobeira Domínguez, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, apresenta a seguinte Proposición non de lei para o seu tratamento en Pleno, relativa á adopción de medidas para o emprego oficial da forma orixinal galega na toponimia das provincias marítimas.
Incríbel. En pleno ano 2006 continúa en vigor a normativa española “pola que se denominan e limitan as zonas marítimas, estabelécense as demarcacións territoriais das mesmas e divídese o litoral en provincias e distritos marítimos”, que mantén a forma deturpada española para a denominación das provincias marítimas, ignorando a denominación orixinal galega e contravindo portanto toda a lexislación vixente nesta materia.
O caso máis escandaloso, pola súa visibilidade, é o correspondente á provincia de “Villagarcía de Arosa”, no que ademais de figurar distritos como os de “Santa Eugenia de Ribeira”, “Villagarcía” ou “El Grove”, os buques pertecentes a estes portos teñen, a día de hoxe, que lucir obrigatoriamente nas súas proas a matriculación –o “folio”- coas siglas “VILL”.
Encontrámonos tamén con distritos marítimos como o de “Vivero”, pertecente á provincia marítima de “El Ferrol del Caudillo”, ou os distritos de “La Coruña” e “Noya” adscritos á provincia marítima de “La Coruña”. Acontece igualmente na provincia marítima de Vigo cos distritos de “Bayona” ou “Tuy”.
O mesmo trato oficial receben topónimos que teñen a ver con accidentes xeográficos que fixan os límites dos distritos e provincias: “Punta Fajilda”, “punta Morcejos”, “punta Domayo”, “Cabo Estay”, “río Barjas”, “Isla de la Toja”, “Isla de Arosa”, “Isla Quiebra”, “punta de la Vela”, etc.
O mesmo acontece no caso das Capitanías Marítimas. Así, ás xa vellas deturpacións de Vivero, Santa Eugenia, Noya, Finisterre, ou Bayona, súmanselle agora “inovadoras” barbarizacións: Pobla do Caramiñal, A Guardia, ou Villagarcía de Arousa. Estes son algúns dos topónimos que a día de hoxe, e no ano 2006, figuran oficialmente na relación de capitanías marítimas radicadas na Galiza, dependentes da Dirección Xeral da Mariña Mercante (Ministerio de Fomento) do Goberno español. Mesmo na actual páxina web do Ministerio de Fomento é posíbel contrastar estes feitos.
Cumpre rematar xa con este despropósito. Lémbrese que, por exemplo, houbo que esperar á Lei 2/1988, do 3 de Marzo, “sobre o cambio de denominación das provincias de La Coruña y Orense polas de A Coruña e Ourense” ou, ainda máis recentemente, o Real Decreto 1735/1998 do 31 de xullo, “polo que se modifica o Código de Circulación para cambiar as siglas dos permisos de circulación e das placas oficiais de matrícula dos veículos da provincia de Ourense”, para ir poñendo algo de sensatez neste ámbito.
Ficaría así pendente ainda a matriculación das embarcacións galegas pertecentes á provincia marítima de Vilagarcía de Arousa para ratificar e levar á prática o estabelecido no artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística (“os topónimos da Galiza terá como única forma oficial a galega”), e outras disposicións legais existentes tanto a nível galego como estatal –algunhas xa indicadas- que fixan unha tendencia favorábel á restauración do galego, de xeito oficial e como única língua á hora de estabelecer a toponimia.
Xa que logo, unha actitude leal ao acatamento no disposto nestes preceitos legais debe conducir ineludibelmente a que todas as administracións (obviamente tamén a estatal), en todas as súas actuacións públicas, utilicen como forma toponímica única e oficial a galega.
Estas son as razóns que levan ao Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego a formular a seguinte Proposición non de lei para o seu tratamento en Pleno.
O Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a:
- Demandar do Goberno español a adopción das medidas legais precisas para o emprego da forma orixinal galega na toponimia das provincias marítimas, distritos marítimos e Capitanías Marítimas existentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galiza, en especial através da correspondente modificación normativa, para dar así cumprimento á Lei de Normalización Lingüística nesta materia.
- Demandar do Goberno español que, através da Dirección Xeral da Mariña Mercante (Ministerio de Fomento), se proceda á modificación das actuais siglas de matriculación das embarcacións pertecentes á Provincia Marítima de Vilagarcía de Arousa, en coerencia co ponto anterior, polas siglas “VIL”.
Santiago de Compostela, 7 de Marzo de 2006 .
Asdo.: Bieito Lobeira Domínguez
Deputado e Portavoz S. do G.P. do BNG |