|
Pregunta por Bieito Lobeira Domínguez relativa á definición vexatoria e pexorativa que a Real Academia da Lingua Española realiza da palabra “gallego”.
Á
Mesa do Parlamento
Bieito Lobeira Domínguez, deputado pertencente ao Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, apresenta a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Comisión, relativa á definición vexatoria e pexorativa que a Real Academia da Lingua Española realiza da palabra “gallego”.
Houbo que esperar nada menos que á segunda metade do século XX para que a Real Academia da Lingua Española tivera a ben suprimir a acepción “gallego” como sinónimo nada menos que de “bruto” nos dicionarios de lingua española. En plena era nuclear un galego igualábase lexicamente cunha besta.
Agora, xa no século XXI, encontrámonos tamén con algunhas definicións vexatorias e pexorativas, de raíz xenófoba, que mantén a Real Academia Española na última actualización do seu “Diccionario de la lengua española”, en relación coa palabra “gallego”. Así, literalmente, recóllense as seguintes definicións:
- Natural de Galicia.
- Pertecente ou relativo a esta comunidade autónoma de España.
(...)
- Tonto (falto de entendemento ou razón)
- Tartamudo
- Lingua dos galegos
(...)
Resulta curioso que cando se vai na procura neste mesmo dicionario doutras palabras asociadas a outros pobos, as definicións correspondentes á lingua ou ao territorio son máis extensas, contan con referencia histórica, aparecen noutra orde na que se prioriza máis o idioma propio (o galego aparece definido como lingua en séptimo lugar), e dende logo non figuran alusións de carácter humillante ou vexatorio.
Así, por exemplo, a acepción “catalán” conta con definicións como:
- Natural de Cataluña
- Pertecente ou relativo a este antigo principado, hoxe comunidade autónoma de España.
- Lingua romance vernácula que se fala en Cataluña e noutros dominios da antiga Coroa de Aragón.
(...)
No caso de “español”, encontrámonos con:
- Natural de España.
- Pertecente ou relativo a este país de Europa.
- Lingua común de España e de moitas nacións de América, falada tamén como propia noutras partes do mundo.
En relación con “vasco”, asociado tamén a “vascongado” e con vínculo con “euskera”, encontrámonos con:
- Natural do País Basco.
- Pertecente ou relativo a esta comunidade autónoma de España.
- Euskera (lingua). Pertecente ou relativo á lingua basca/lingua falada por parte dos naturais do País Basco español, francés e da Comunidade de Navarra. / v batúa: lingua basca unificada, baseada no dialecto guipuzcoano con incorporacións doutros dialectos bascos.
(...) Natural dunha parte do territorio francés comprendido no departamento dos Baixos Pirineus.
A ideoloxía dunha sociedade maniféstase de xeitos moi diversos. Desde os dicionários até os chistes, pasando por expresións coloquiais, tópicos e prexuizos. Sintomaticamente, foron as nacións e comunidades étnicas máis desfavorecidas, branco habitual de actitudes, comportamentos ou expresións de carácter racista e xenófobo, que lonxe de semellar orixinais siloxismos cómicos, transmiten descaradas mensaxes ideolóxicas traducidas en termos de exclusión e opresión. Son coñecidos, neste sentido, os chistes alemáns contra polacos, os ingleses sobre irlandeses, os máis recentes europeus contra cidadáns africanos de cor negra, ou os xerados historicamente contra galegos e galegas. Libros publicados recentemente por editoriais españolas como “Los más inteligentes chistes de gallegos”, ou a existencia ainda de expresións coloquiais anti-galegas (“gallego el último”) no resto do Estado español, certifican tal aseveración.
Neste caso, non é de recibo que a día de hoxe a Real Academia Española manteña como oficiais na última actualización do seu Dicionario, definicións de carácter vexatorio, pexorativo e, no fundo, xenófobo.
Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas para a súa resposta oral en comisión.
- Que avaliación realiza o Goberno de Galiza da existencia de definicións relativas ao noso país na última actualización do Dicionario da Real Academia Española?
- Que medidas ten previsto adoptar para correxir estes feitos?
Santiago de Compostela, 5 de Abril de 2006.
Asdo.: Bieito Lobeira Domínguez
Deputado do G.P. do BNG
|