|
Proposición non de Lei por iniciativa de Tereixa Paz Franco e Bieito Lobiera Domínguez relativa á realización de cursos de linguaxe xurídica galega destinados aos funcionarios/as ao servizo da Administración de Xustiza.
Á
Mesa do Parlamento
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa da súa deputada Tereixa Paz Franco e do seu deputado Bieito Lobiera Domínguez, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara presenta a seguinte Proposición non de Lei, para o seu debate en Comisión, relativa á realización de cursos de linguaxe xurídica galega destinados aos funcionarios/as ao servizo da Administración de Xustiza.
A comezos dos anos noventa comezouse a impartir cursos de galego destinados aos funcionarios/as ao servizo da Administración de Xustiza, tanto de iniciación e perfeccionamento, como os cursos básica, medio e superior de linguaxe xurídica galega, nun primeiro momento estes cursos realizábanse dun xeito illado e ocasional.
Foi xa a partir de mediada a década dos noventa cando a colaboración entre a Dirección Xeral de Xustiza e a Dirección Xeral de Política Lingüística, que colaboraron no seu finanzamento, cando se empezaron a realizar estes dun xeito regulado, sistematizado e con carácter universal para os funcionarios/as da Administración de Xustiza destinados en Galiza que quixeran participar nestes.
Pouco despois, os funcionarios/as galegos e galegas ao servizo da Administración de Xustiza destinados fóra do noso país empezaron a demandar a realización de cursos de galego nos que poder participar. Esta demanda tivo como resposta que a Administración galega autorizase a organización de cursos de iniciación, perfeccionamento, linguaxe xurídica básica, media e superior en diferentes localidades do Estado español, nomeadamente naquelas nas que residían un maior número de galegos e galegas interesadas (Madrid, Barcelona, Sevilla).
Durante un tempo os cursos impartíronse a través de centros galegos, asociacións, sen regulamentación e dun xeito moi desigual en función dos lugares e tendo, nalgúns casos, os funcionarios/as que participaban que pagar por asistiren.
Esta situación xunto coa discriminación que se producía a respecto daqueles destinados en cidades onde non había número suficiente para impartir os cursos, motivou que a finais da década dos noventa a Dirección Xeral de Xustiza decidira optar pola realización dos cursos destinados a este colectivo de funcionarios/as nas diferentes cidades galegas aproveitando os meses de vacacións.
No ano 2005 a Consellaría de Xustiza tiña previsto modificar esta fórmula e implantar un novo sistema que era o de realizar os cursos a distancia, a través da rede. Sistema que finalmente non se chegou a poñer en funcionamento.
No Bloque Nacionalista Galego cremos que é imprescindíbel que todos os servidores públicos destinados en Galiza e os que o poden estar no futuro, teñan coñecementos suficientes da língua galega para poder utilizala con corrección e normalidade, sobre todo na Administración de Xustiza cunha alarmante falla de uso do galego.
Estas son as razóns que levan ao grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego a formular a seguinte Proposición non de lei para debate en Comisión:
O Parlamento galego insta ao Goberno galego a que dentro do programa formativo para o ano 2006 se impartan cursos de linguaxe xurídica galega, básico, medio e superior, para os funcionarios e funcionarias galegas ao servizo da Administración de Xustiza destinados fóra de Galiza.
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2006.
Asdo.: Tereixa Paz Franco
Deputada do G.P. do BNG
Bieito Lobeira Domínguez
Deputado e portavoz s. do G.P. do BNG
|