|
Pregunta de Bieito Lobeira Domínguez e Fernando Blanco Parga relativa a unha discriminación lingüística nun estabelecimiento de McDonald's en Ferrol.
Á
Mesa do Parlamento
Bieito Lobeira Domínguez e Fernando Blanco Parga, deputados do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara apresentan a seguinte Pregunta para a súa resposta escrita, relativa a unha discriminación lingüística nun estabelecimiento de McDonald's en Ferrol.
Recentemente un viciño de Ferrol achegouse cos seus fillos a merendar a un estabelecimento de McDonald's nesa cidade. Con absoluta normalidade. A surpresa nasce cos obstáculos para solicitar a ementa escollida, educadamente, en lingua galega. Empregados dese estabelecimento (lembremos: en Ferrol; non na Mongolia Exterior), afirmaron non entender o galego en varias ocasións, insistindo en que non tiñan porque entendelo nin atendelo. Algo parecido acontece coa petición e cubrición da correspondente folla de reclamacións para deixar constancia deste trato. Mesmo nese momento é recriminado por outra persoa da que se descoñece o cargo na empresa.
Simultaneamente, os nenos solicitan un "xelado" e tampouco son atendidos. Pode ser a este respecto elocuente a opinión que o afectado e pai dos nenos facía pública a este respecto:
" Sentinme extranxeiro na miña terra, case que insultado. O único que fixemos eu e os meu fillos é falar en galego".
É evidente que os poderes públicos deben reaccionar cando se produce vulneración dos dereitos lingüísticos, aínda sendo neste caso unha empresa privada -McDonald's- que curiosamente en Cataluña ten a publicidade, información, rotulación e ementas en catalán.
Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas para a súa resposta escrita.
1ª) Cónstanlle ao Goberno galego os feitos descritos?
2ª) Que avaliación fai dos mesmos?
3ª) Que medidas adoptará na defensa dos dereitos lingüísticos conculcados neste caso?
Santiago de Compostela, 10 de Maio de 2006
Asdo. Bieito Lobeira Domínguez
Fernando Blanco Parga
Deputados do G.P. do BNG
|