|
Pregunta de Bieito Lobeira Domínguez relativa aos obstáculos para a galeguización (restitución) de nomes e apelidos nos Rexistros Civís.
Á
Mesa do Parlamento
Bieito Lobeira Domínguez, deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, apresenta a seguinte Pregunta para a súa resposta escrita, relativa aos obstáculos para a galeguización (restitución) de nomes e apelidos nos Rexistros Civís.
Malia á existencia de lexislación e normativa que posibilita efectuar a galeguización (restitución) de nomes e apelidos, seguen a existir trabas e obstáculos, na prática, para efectivizar este dereito. Sobretodo en determinados Rexistros Civís.
En concreto, no caso dos apelidos, ven sendo complexo e demasiado longo o proceso de acreditación académica de que a solución proposta (isto é, o apelido galeguizado) é a correcta e a orixinaria. En moitas ocasións, non debera existir dúbida. Casos como os de Rajoy, Ameijeiras, Lage, Meijón, Noguera ou Villamea, son exemplos claros. Porén, moitos galegos e galegas, que pretenden exercer un dereito democrático elemental como o de restituir o seu propio nome e/ou apelidos á forma orixinal galega, en moitos casos con proba documental de deturpación (españolización) varias xeracións atrás.
Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas para a súa resposta escrita.
1ª) Ten coñecimento a Secretaria Xeral de Política Lingüística da existencia de problemas para a galeguización de nomes e restitución de apelidos á súa forma orixinal galega, en determinados Rexistros Civís do noso país?
2ª) Tense dirixido por este motivo ao Ministerio de Xustiza do Goberno Español?
3ª) Ten previsto adoptar medidas en defensa destes dereitos nos Rexistros Civís existentes na Galiza?
Santiago de Compostela, 16 de Maio de 2006
Asdo. Bieito Lobeira Domínguez
Deputado do G.P. do BNG
|