Pregunta de Bieito Lobeira Domínguez e Carme da Silva Méndez relativa ao despedimento dunha traballadora por falar en galego.
Á
Mesa do Parlamento
Bieito Lobeira Domínguez e Carme da Silva Méndez, deputado e deputada do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, apresentan a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Comisión, relativa ao despedimento dunha traballadora por falar en galego.
Hai uns días unha traballadora denunciaba, xunto á Mesa pola Normalización Lingüística, un feito extremadamente grave como é a perda do posto de traballo por utilizar o idioma galego.
A vulneración de dereitos lingüísticos no traballo non é unha anécdota vinculada a un caso particular, como a representada por esta traballadora. A única singularidade radica na denuncia interposta perante o Xulgado do Social e o correspondente acopio de valor para enfrontar esta situación, mesmo pola vía xudicial.
Agora ben, é coñecida a existencia de presións existentes en moitos centros de traballo -fundamentalmente da hostelaría, estabelecimentos do textil, comercios e hipermercados, etc.- para impeder o uso do noso idioma.
Esta situación, a todas luces inxusta, precisa da intervención directa da administración pública galega a hora de facer valer os inalienábeis dereitos lingüísticos dos traballadores e traballadoras.
Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas para a súa resposta oral en Comisión:
1ª) Que coñecimento ten o Goberno de Galiza en relación co caso do despedimento dunha traballadora nunha xestoría de Pontevedra por falar en galego?
2ª) Que medidas ten previsto adoptar en relación con este caso extremadamente grave?
3ª) Coñece a existencia de presións sobre os traballadores e traballadoras, sobretodo en determinados sectores, para impeder o uso do galego nos seus postos de traballo?
Santiago de Compostela, 16 de Maio de 2006
Asdo. Bieito Lobeira Domínguez
Carme da Silva Méndez
Deputado e Deputada do G.P. do BNG
|