A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate
Pergunta de Bieito Lobeira Domínguez sobre problemas nunha operativa de salvamento por razóns lingüísticas

Á Mesa do Parlamento

Bieito Lobeira Domínguez, deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, apresenta a seguinte Pregunta para a súa resposta escrita, relativa ás razóns do risco de sinistro entre un volanteiro de Malpica e un buque gaseiro.

O 5 de Marzo o volanteiro “Nueva Ave del Mar”, con porto base en Malpica, mentras se encontraba faenando nun caladoiro tradicional, a unhas sete millas ao norte de Caión, estivo a piques de ser embestido polo butaneiro “Greenwich”, con procedencia do porto da Coruña.

O patrón do pesqueiro utilizou a canle 16 VHF de emerxencia, sendo recebido por Madrid-Diana, non pola estación radiocosteira da Coruña. Pretendendo alertar ás autoridades marítimas da situación de risco obxectivo que padecía, o seu chamado foi infrutuoso, en canto o persoal de guarda de Madrid descoñecía o idioma galego (empregado polo patrón do volanteiro), e atendendo ao feito escandaloso de non existir cobertura radar na área sinalada.

Afortunadamente, e por unha escasa marxe, non houbo que lamentar perdas humanas nin materiais. Agora ben, o risco sofrido, e a clamorosa falta de resposta do dispositivo de salvamento, evindencian que é moito o que hai que mellorar no que respecta aos meios de control e salvamento marítimo no litoral galego.

Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas para a súa resposta escrita.

1ª) Era legal nese momento a rota do butaneiro “Greenwich” fóra do Dispositivo de Separación do Tránsito Marítimo de Fisterra, e en tránsito por un caladoiro tradicional da nosa frota pesqueira?

2ª) Figura o buque “Greenwich” na base de dados do GMDSS?

3ª) Avisouse ao gaseiro do seu rumo de colisión?

4ª) Por que razón o CZCS de Fisterra non actuou de xeito imediato na canle 16  VHF?

5ª) Considera normal a Xunta de Galiza que un buque galego en risco de colisión non poida utilizar o idioma galego através do regramentario canle 16 VHF?

6ª) Como é o posíbel que non exista cobertura radar á altura de Caión?

7ª) Vaise iniciar unha investigación por este motivo?

8ª) Ten a previsto a Xunta de Galiza demandar medidas de mellora de control do tránsito marítimo na citada área?

9ª) Vaise dirixir o Goberno galego ao Ministerio de Fomento e SASEMAR, a fin de posibilitar o emprego da lingua galega nas canles de emerxencia, e que este feito non supoña risco, ou diminución da capacidade de resposta do operativo de salvamento?

Santiago de Compostela, 9 de Marzo de 2004

Asdo. Bieito Lobeira Domínguez
Deputado do G.P. do BNG

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate