A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate
Perguntas de Eduardo Gutiérrez Fernández sobre o acordo entre a Xunta de Galiza e Microsoft para a traducción de software ao galego

Á Mesa do Parlamento

Eduardo Gutiérrez Fernández, deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do Regulamento da Cámara, apresenta a seguinte pregunta, para a sua resposta escrita, relativa ao acordo subscrito entre a Xunta de Galiza e a empresa Microsoft.
Hai xa moitos anos que diferentes organizacións levan solicitando que o Goberno galego se implicase activamente na creación dun mercado de produtos informáticos en lingua galega. En concreto, desde 1995, foron moitas as demandas de cidadáns e colectivos da Galiza para que o sistema operativo Windows tivese opción no noso idioma, mais tanto a Xunta de Galiza como a empresa Microsoft se negaron sistematicamente, argumentando os custos das traducións, aínda que tanto esta como as seguintes versións de Windows non tiveron opción de galego e si de catalán e basco.

Tras as últimas accións de protesta protagonizadas pola Mesa pola Normalización Lingüística, o Goberno e Microsoft responderon que xa existe un acordo asinado para a tradución do sistema operativo de Windows e do pacote Office, tal e como se viña demandando desde hai case unha década.

Por todo isto, apresentamos as seguintes preguntas:

1.ª) Existe un convenio entre a Xunta de Galiza e Microsoft para a tradución de Windows XP e Office?

2.ª) Poden ter acceso a ese convenio os diferentes grupos parlamentares?

3.ª) Segundo o acordo, cales son as obrigas da Xunta?

4.ª) Cales son os dereitos da Xunta sobre esta tradución e difusión?

5.ª) A que obriga a Microsoft ese acordo?

6.ª) ¿Que empresas ou colectivos están contratadas para levar a cabo o traballo?

7.ª) ¿Que acordos e que contratos se asinaron con esas empresas e/ou colectivos?

8.ª) ¿Hai estipulados prazos de execución dos traballos encomendados?

9.ª) As contrapartidas son monetarias en favor desas empresas ou doutro tipo, como p. ex. prioridade para futuros desenvolvementos para futuros programas de Microsoft ou outros?

9.ª) Ese acordo implica tamén a versión en galego das futuras versións de Windows?

10.ª) Vai a Xunta de Galiza impulsar algún outro tipo de acción para a existencia dun mercado informático en lingua galega?

11.ª) Vai propiciar a Xunta de Galiza a tradución de software libre ao idioma proprio do país?

Santiago de Compostela, 27 de Febreiro de 2004.

Asdo.: Eduardo Gutiérrez Fernández
Deputado do G.P. do BNG

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate