A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate
Pergunta de Eduardo Alberte X. Rodríguez Feixóo e Eduardo Gutiérrez Fernández relativa á situación do idioma galego na Adeministración de Xustiza

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa dos seus deputados Alberte X. Rodríguez Feixóo e Eduardo Gutiérrez Fernández, ao abeiro do Regulamento da Cámara, apresenta a seguinte Proposición non de lei, para o seu debate en Comisión, relativa á situación do idioma galego na Adeministración de Xustiza.

A presente iniciativa pretende amosar a nosa preocupación pola situación que vive a lingua galega na Adeministración de Xustiza. Nestes momentos, a cativa lexislación favorábel ao noso idioma non está a ser apoiada polos medios humanos e materiais precisos para facela operativa, e os limitados medios que hai non son axeitados ao actual emprego das novas tecnoloxías polos órganos xurisdicionais. Así, nestes momentos, os Corpos actuantes na Adeministración de Xustiza que asumen o compromiso de garantir o emprego do galego nese ámbito, ven multiplicada a súa cárrega de traballo pola falta de apoio das diferentes Adeministracións.

Deste xeito, a cidadá galega ou o cidadán galego ve vulnerado sistematicamente o seu dereito a un procedemento xudicial en galego ou, noutro caso, se lle respeita ese dereito, mais causándolle unha dilación indebida no coñecemento e resolución da súa causa. Como consecuencia, podemos falar de marxinación da lingua galega no campo xurisdicional, o que é contrario ao cadro normativo do Estado español.

Polo exposto, apreséntase a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión:

O Parlamento insta a Xunta de Galiza a:

1.º) Crear urxentemente os gabinetes lingüísticos necesarios para que a Xustiza poida funcionar con axilidade en galego, sen dilacións indebidas e, cando menos, nas sete grandes cidades galegas.

2.º) Galeguizar, no prazo máximo dun ano, toda a rotulaxe, sinaléctica e documentación dos xulgados galegos.

3.º) Elabourar e distribuir un programa informático en galego cos modelos normalizados dos diferentes trámites procesuais.

4.º) Aplicar medidas de protección do uso do galego por parte dos adeministrados e adeministradas nas súas relacións de todo tipo coa Adeministración de Xustiza. Con este fin, impulsará o coñecemento e o uso do idioma galego por parte do funcionariado de xustiza, ao tempo que impedirá a discriminación dos utentes do galego nas actuacións xurídicas.

5.º) Impulsar a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial co fin de que xuíces e xuízas fiscais e demais funcionariado público da Adeministración de Xustiza destinado a Galiza estexan capacitados para desenvolveren en idioma galego as súas funcións.

6.º) Promocionar a asinatura dun convenio coa Adeministración do Estado para dotar ao Boletín Oficial do Estado (BOE) dun órgano para a tradución das sentenzas realizadas en idioma galego, evitando así que no futuro o BOE siga a devolver as resolucións en lingua galega acompañando unha negativa á súa publicación.

7.º) Promover a asinatura dun protocolo de colaboura co Consello Xeral do Poder Xudicial para potenciar o uso do galego neste ámbito.

Pazo do Hórreo, 30 de abril de 2004.

Asdo.: Alberte X. Rodríguez Feixóo
Eduardo Gutiérrez Fernández
Deputados do G.P. do BNG
Xosé Manuel Beiras Torrado
Portavoz do G.P. do BNG

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate