A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate
Pergunta de Ana Belén Pontón Mondelo e Eduardo Gutiérrez Fernández relativa ao seguimento do paro estudantil no ensino medio o pasado 28 de Abril de 2004

Á Mesa do Parlamento

Ana Belén Pontón Mondelo  e Eduardo Gutiérrez Fernández, deputada e deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara apresentan a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión, relativa ao seguimento do paro estudantil no ensino medio o pasado 28 de Abril de 2004.

O pasado 28 de Abril celebrouse un paro do estudantado de secundaria, a partir das 11 horas, convocado polas organizacións A Mesa pola Normalización Lingüística, Galiza Nova, Mocidade pola Normalización Lingüística e Comités Abertos de Estudantes. Este paro convocouse co obxectivo cívico de que o Decreto 247/95 se cumpra, norma legal que regula as materias mínimas a impartir en galego no ensino non universitario. Segundo diversos estudos e seguimentos realizados por diferentes entidades (Consello da Cultura Galega, A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, CIG-Ensino, etc), nestes momentos este Decreto estase a incumprir de xeito grave na maioría dos centros educativos do país.

Segundo as organizacións convocantes, un 85% do estudantado fixo seguimento do paro do día 28 de Abril, mais a Consellaría de Educación reduciu esta cifra a un 15,41%. Ademais, en declaracións á imprensa na mañá desa xornada, o Señor Conselleiro, Celso Currás, afirmou que non había razóns para tal mobilización, posto que este decreto se está a cumprir.

Por esta razón, formulamos as seguintes preguntas para a sua resposta oral en Comisión

1ª) Cales son os nomes dos institutos de Galiza onde, segundo o Goberno, non se realizou paro estudantil?

2ª) Como é posíbel que o Goberno dea cifras de participación do 15%, cando os xornais, nas súas edicións comarcais, ao contrastaren o seguimento do paro en cada centro, dan cifras que van do 70 ao 90%, segundo a zona?

3ª) Cal é o criterio que segue o Conselleiro de Educación para dicir que o decreto se cumpre, cando o proprio Director Xeral de Política Lingüística afirmaba publicamente no pasado mes de Febreiro que esta norma legal se vulnera (segundo el) en 144 centros?

4ª) Por que razón o Goberno galego se empeña en manipular e terxiversar, en troca de favorecer o coñecemento xusto e mensurado da realidade por parte da cidadanía? Cal é o motivo para que non se queiran dar os datos verdadeiros de participación? Por que se quere maquillar a penosa situación da lingua galega no ensino, en troca de corrixir esta grave anomalía?

Santiago de Compostela, 11 de Maio de 2004

Asdo. Ana Belén Pontón Mondelo
Eduardo Gutiérrez Fernández
Deputada e Deputado  do G.P. do BNG

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate