| Pergunta de Ana Belén
Pontón Mondelo
e Eduardo Gutiérrez
Fernández relativa á efectividade
das políticas destinadas á normalización
do uso do idioma galego entre a mocidade
Á
Mesa do Parlamento
Ana Belén Pontón Mondelo e Eduardo
Gutiérrez Fernández, deputada
e deputado do Grupo Parlamentar do
Bloque Nacionalista Galego (BNG),
apresenta a seguinte Interpelación,
relativa á efectividade das políticas
destinadas á normalización
do uso do idioma galego entre a mocidade.
A situación lingüística
da nación dista moito dese bilingüismo
hármonico do que fai gala á Xunta
de Galiza, sendo mais acaído falar dunha
situación na que a língua propia
ou xenuina da Galiza, fica desprotexida en
diversos ámbitos, sen obter por parte
dos poderes publicos a promoción necesaria
para a súa normalización.
Así, diferentes estudos sobre a situación
do noso idioma sinalan a perda de galegofalantes
acusada entre a povoación mais nova.
O Mapa Sociolingüístico Galego
certifica a perda alarmante de falantes na
poboación de menor idade. Máis
concretamente cincuenta pontos porcentuais
separan os tramos de idade de 65-80 anos e
15-26 anos, en canto as persoas que teñen
o galego como lingua inicial. Tal situación
compromete un dos piares básicos na
normalización lingüística
como é a conservación familiar
dos usos da lingua.
Os dados do censo de 2001 son tamén
reveladores neste aspeito. Descende o nível
de usos nas cidades e vilas máis importantes
poboacionalmente: ascende o número
de persoas que afirman non usar nunca o galego,
pasando de 162 mil a 332 mil as persoas que
declaran non usar a língua do País
en ningunha circunstancia.
Recentemente a Real Academia Galega (RAG)
elaborou un estudo –con entrevistas ao redor
de 1.000 mozos e mozas– do que se desprenden
datos moi negativos no referido ao uso e percepcións
da mocidade sobre o idioma galego.
Entre
as conclusións do mesmo constátase
como se manteñen unha serie de prexuizos
e estereotipos negativos para a normalización
do noso idioma:
- Os que se expresan con fonética
galega son considerados como un grupo pouco
dotado para o éxito social, mentres
que os que o fan en lingua galega cunha fonética
similar ao castelán son caracterizados
como un grupo innovador e socialmente competente.
- Mantéñense estereotipos asociados
aos galegofalentes: o do “paleto” ou
asociación a unha ideoloxía
nacionalista.
- A mocidade atópalle pouca utilidade
social ao uso do galego, asociándose
con profesións de baixo prestixio,
polo que as motivacións de tipo instrumental
para o seu uso son escasas.
- Estas consideracións son máis
pexorativas cando quen fala é unha
muller.
Estos datos poñen en cuestión
o atinado do proceso de normalización
lingüística na nosa nación,
constatándose unha perda constante de
galegofalantes entre as xeracións máis
novas, así como a pervivencia de prexuizos
tradicionais que se consideraban superados,
mais que se transmiten xeración tras
xeración.
Desde o BNG insistimos, máis unha vez,
na necesidade de que o Goberno Galego aposte
de xeito decido por normalizar o uso do idioma,
considerándoo unha cuestión prioritaria
que debe levar aparellada unha maior
atención ás actitudes e usos
lingüísticos que se rexistran entre
a mocidade, impulsando a eliminación
desos prexuizos e fomentando a utilización
do idioma entre os máis novos e novas.
Polo dito formúlase a seguinte interpelación:
1ª) Como valora a Xunta de Galiza o nível
de uso do idioma galego entre a mocidade?
2ª) Como valora a Xunta de Galiza a pervivencia
de prexuizos entre a mocidade sobre o uso do
idioma galego?
3ª) Considera a Xunta de Galiza que o
sistema educativo está a cumprir a función
de normalizar o uso do idioma galego?
4ª) Que campañas ou actividades
desenvolve a Xunta de Galiza para fomentar
o uso do galego entre a mocidade?
5ª) Que campañas ou actividades
desenvolve a Xunta de Galiza para incrementar
a percepción de utilidade da lingua
galega, e consecuentemente, o seu nível
de uso entre a mocidade?
6ª) Ten programado a Xunta de Galiza
medidas efectivas para incentivar unha
presenza normalizada do galego naqueles ámbitos
onde se move a mocidade, especialmente no relacionado
coas actividades de ocio e lecer?
7ª) Considera a Xunta de Galiza que os
medios de comunicación de tituaridade
pública son un activo entre a mocidade á hora
de incentivar a utilización da lingua
galega?
Santiago de Compostela, 24 de Xuño
de 2004
Asdo. Ana Belén
Pontón Mondelo
Eduardo
Gutiérrez Fernández
Deputada e
Deputado do G.P. do BNG
|