| Proposición non de lei
de Ana Belén Pontón Mondelo relativa ao
fomento do uso do galego entre a mocidade
Á
Mesa do Parlamento
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista
Galego (BNG), por iniciativa da sua deputada
Ana Belén Pontón Mondelo, e ao
abeiro do Regulamento da Cámara, apresenta
a seguinte Proposición non de lei para
o seu debate en Comisión, relativa ao
fomento do uso do galego entre a mocidade.
Diversos estudos sobre a evolución
do proceso de normalización lingüística
na Galiza sinalan a perda de galegofalantes
acusada entre a povoación mais nova.
Asi o Mapa Sociolingüístico Galego
oferece información estadística
a este respeito certificando a perda alarmante
de falantes na poboación de menor idade.
Máis concretamente cincuenta pontos
porcentuais separan os tramos de idade de 65-80
anos e 15-26 anos, en canto á posesión
do galego como lingua inicial. Tal situación
compromete un dos peares básicos na
normalización lingüística
como é a conservación familiar
dos usos da lingua.
Os dados do censo de 2001son tamén
reveladores neste aspeito. Descende o nível
de usos nas cidades e vilas máis importantes
poboacionalmente. Así ascende o número
de persoas que afirman non usar nunca o galego,
pasando de 162 mil a 332 mil as persoas que
declaran non usar a língua do País
en ningunha circunstancia. Crece, mais moi
tenuemente o número de persoas que declaran
usar o sempre o galego.
Os dados deste censo poñen en cuestión,
alén do dito, o atinado do proceso de
normalización lingüística
no ámbito educativo. Chama a atención
a existencia dunha elevada percentaxe de mozos
e mozas que afirman non sentirense capaces
de ler ou escreber en galego. É significativo
o feito de que no tramo entre 10-14 anos haxa
máis persoas que saiban escreber en
galego (96,58%), que aquelas que consideran
que o saben falar (88,73%). Mais, conforme
avanza a escolarización, o nível
de desgaleguización aumenta, indicativo
de que o ensino non cumpre coa función
normalizadora que sería desexábel.
Nesta tesitura, asAdministracións
públicas deberían de tomar nota
e actuar, dado que non se acada o obxectivo
de que todos os nenos e nenas escolarizadas,
rematen co mesmo coñecemento das duas
línguas oficiais. A deixadez da Xunta,
ante o reiterado incumprimento do decreto 247/95,
propicia que esta situación se perpetúe
e acentúa as tendencias actuais.
A disminición de uso do galego entre
a xente nova (cunha liña decrecente) é un
grave problema para a conservación e
normalización da língua. Neste
fenómeno inflúe o feito de que
o noso idioma ten unha presenza reducida na
sociedade, concretamente, nos espazos de lecer
e ócio da mocidade. Así internet,
revistas, televisión, prensa, cine ou
música, distribúense maioritariamente
en español sendo a presenza do galego
residual ou anecdótica. Esto leva aparellado
a que non se visualice a nosa lingua como normal
nestos ámbitos, influindo de xeito negativo
nunha revitalización e promoción
dos usos lingüísticos da mocidade
en galego.
Polo dito formulase a seguinte proposición
non de lei para o seu debate en Comisión:
O Parlamento insta á Xunta de Galiza
a:
- Garantir o cumprimento do Decreto 247/95,
que regula os mínimos legais de docencia
en galego no ensino non universitario.
- Promover campañas específicas
para promover específicamente o uso
do galego entre a mocidade, neste sentido,
os medios de comunicación de titularidade
pública deberán ter unha programación
estábel no tempo.
- Promover e incrementar o número
de páxinas web en galego, facendo énfase
naquelas temáticas que teñen
un especial interese para a mocidade.
- Colaborar coas entidades dinamizadoras
do uso social e público do galego,
especialmente coas asociacións e colectivos
xuvenís que teñan como prioridade
animaren ao uso do galego por parte da xuventude.
- Incrementar o nível de uso do galego
nas actividades de ocio e tempo de lecer
da mocidade, nomeadamente no cinema e na
música.
- Crear unha publicación para a xuventude
en galego, con contidos de actualidade (axeitados
aos intereses da mesma), que conte coa colaboración
do tecido xuvenil e que se distribúa
masiva e gratuitamente entre a mocidade en
escolas, universidades...
Santiago de Compostela, 18 de xuño
de 2004.
Asdo.: Ana Belén Pontón Mondelo Asdo.:
Xosé Manuel Beiras Torrado
Deputada do
G.P. do BNG Portavoz
do G.P. do BNG
|