| Pregunta
de Ana Belén Pontón Mondelo relativa á difusión
de cinema en galego destinado ao público
infantil e xuvenil
Á
Mesa do Parlamento
Ana Belén Pontón Mondelo e
Eduardo Gutiérrez Fernández,
deputada e deputado do Grupo Parlamentar do
Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro
do Regulamento da Cámara, apresentan
a seguinte Pregunta, para a súa resposta
oral en Comisión, relativa á difusión
de cinema en galego destinado ao público
infantil e xuvenil.
Todos os estudos a respeito do nivel de uso
da lingua galega entre a mocidade sinalan unha
tendencia negativa, non só en canto
a número de persoas novas galego falantes,
senón tamén no relativo ao mantemento
de prexuizos sobre o noso idioma que a priori
parecían estar superados. Esta tendencia
pon en cuestión a política lingüística
da Xunta de Galiza a respeito da promoción
e uso normalizado do noso idioma entre as xeracións
máis novas.
O ámbito educativo é sen lugar
a dúbidas un dos terreos onde sería
preciso indicir, mais non é desde logo
o único. O ocio e tempo de lecer xogan
un papel clave na socialización da mocidade.
Na maioría das actividades relacionadas
co lecer da mocidade o galego ocupa un papel
marxinal, incidindo negativamente na normalización
do idioma. O cinema é expresión
clara desta discriminación, sendo anecdótica
a presenza de filmes feitos en galego ou traducidos
ao noso idioma.
A principios do mes de Xullo estreouse na
Galiza o filme Pinocho 3000, producido polo
grupo Filmax. Nas salas galegas cóntanse
con nove copias en castelán e
só tres en galego. Nos concellos de
Narón, Lugo, Pontevedra, Carballo, Ferrol
e Vilagarcía non haberá opción
de ver este filme no idioma do País.
A Lei de Normalización Lingüística
recolle no seu artigo 20 que “a Xunta
de Galiza debe fomentar a produción,
a dobraxe, a subtitulación e a exhibición
de películas e outros medios audiovisuais
en lingua galega”. Este artigo tivo verificación
práctica en contadas ocasións,
constatándose unha presenza anecdótica
do noso idioma nas salas de exhibición
de cinema da nación.
Desde o BNG consideramos necesario que se
promova a produción de cinema en galego
no país, así como, a dobraxe
ou subtitulación de filmes, pois é importante
que o galego acade cotas de pantalla e non
sexa marxinado neste ámbito, facendo
fincapé naqueles proxectos destinados
ao público infantil e xuvenil.
Polo dito formúlanse as seguintes preguntas
para a súa resposta oral en Comisión:
1.ª) Cal é a participación
da Xunta de Galiza no grupo Filmax?
2.ª) Cal foi a participación da
Xunta de Galiza na dobraxe do filme Pinocho
3000?
3.ª) Considera a Xunta de Galiza suficientes
o número de copias distribuidas en galego?
4.ª) Considera a Xunta de Galiza que
a presenza do galego é equilibrada no
cimena en relación ao castelán?
5.ª) Considera a Xunta de Galiza que
está a cumprir co artigo 20 da Lei de
Normalización Lingüística?
6.ª) Considera a Xunta de Galiza que
unha eiva do proceso de normalización
lingüística é a reducida
presenza do galego nas actividades de ocio
e lecer da mocidade?
Santiago de Compostela, 15 de Xullo
de 2004.
Asdo.: Ana Belén Pontón Mondelo Asdo.:
Eduardo Gutiérrez Fernández
Deputada do
G.P. do BNG Portavoz
do G.P. do BNG
|