A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate
Pregunta de Bieito Lobeira relativa a un novo caso de exclusión do idioma galego e utilización de topónimos ilegais nunha actuación administrativa da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos

Á Mesa do Parlamento

Bieito Lobeira Domínguez, deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, apresenta a seguinte Pregunta para a súa resposta escrita, relativa a un novo caso de exclusión do idioma galego e utilización de topónimos ilegais nunha actuación administrativa da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos.

A Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos fixo público o prego de prescricións técnicas para a contratación do servizo de mantemento das equipas e instalacións que compoñen a rede radioeléctrica da Subdirección Xeral de Control, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación.

Esta actuación administrativa incumpre flagrantemente a lexislación vixente en materia lingüística. Máis unha vez encontrámonos cun acto que exclúe o uso do idioma galego, mesmo conculcando a legalidade.

Ademais, este prego non respecta nin o nome oficial dos departamentos da Xunta de Galiza, podendo observar ao longo do texto alusións a unha “Consellaría de Pesca y Asuntos Marítimos”, ou á “Subdirección General de Control, Salvamento Marítimo y Lucha contra la Contaminación”. Chégase ao extremo de utilizar un topónimo ilegal como “La Coruña” á hora de designar á provincia de A Coruña, ou á base existente na cidade de A Coruña.

Estas práticas lingüísticas excluintes, nas que incorre de xeito sistemático a Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, sitúanse fóra da propia legalidade vixente, e retratan en termos políticos a faciana real do Goberno galego en relación cos sinais de identidade lingüísticos e culturais do noso país.

Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas para a súa resposta escrita.

1ª) Por que razón excluiron o idioma galego no devandito prego de prescricións técnicas?

2ª) Como explican a utilización de topónimos ilegais?

3ª)  Ten previsto a Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos reconsiderar esta actitude agresiva co idioma galego?

Santiago de Compostela, 2 de Setembro de 2004

Asdo. Bieito Lobeira Domínguez
Deputado do G.P. do BNG

 

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate