|
Pregunta de Eduardo Gutiérrez
relativa á exclusión da lingua
galega no Seminario Internacional para a prevención
da violencia no deporte
Á
Mesa do Parlamento
Eduardo Gutiérrez Fernández,
deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista
Galego (BNG), ao abeiro do Regulamento
da Cámara, apresenta a seguinte Pregunta
para a súa resposta oral en Comisión.
A Consellaría de Familia, Xuventude
e Voluntariado, através da Dirección
Xeral para o Deporte e máis a Fundación
Deporte Galego organizan para os días
12, 13 e 14 de novembro, en Santiago, un "Seminario
Internacional para a prevención de la
violencia en el deporte". Segundo o Director
Xeral para o Deporte preténdese converter
Galiza no centro neurálxico e dinamizador
da prevención da violencia no deporte
en Europa, plausible obxectivo concordante co
feito de se celebrar o "Ano Europeo da
Educación a través do deporte"
pero absolutamente rechamante coa aprobación
recente do Plano Xeral de Normalización
da Língua Galega que inxire unha área
dedicada ao Deporte na que se explica que un
dos pontos fortes é a "cooficialidade
da língua galega en Galiza e nas relacións
coa Administración", xa que se dá
a circunstancia de que o programa do referido
Seminario, e máis as invitacións
cursadas polo Sr. Director Xeral para o Deporte,
están total e unicamente escritas en
español.
Para casos coma este o Plan de Normalización,
que compromete á Administración,
sinala como obxectivos específicos: "Facer
visible a presenza e a cooficialidade do galego
nas competicións deportivas", e
tamén "Procurar que o galego sexa
a lingua normal de comunicación no ámbito
deportivo", á marxe das medidas
de carácter xeral recollidas no referido
documento e relativas á Administración
autonómica.
Pero, realmente, para poder crer e confiar
no Plan de Normalización, o que non pode
suceder é que as excepcións se
trastoquen en regla, e que a Xunta continue
coa mesma actitude de desleixo a respeito do
galego, tal e como acredita o caso que nos ocupa.
Por conseguinte, formulanse as seguintes preguntas:
1.ª) ¿Non cre a Xunta de Galiza
que o feito de compor unicamente en español
o programa do Seminario Internacional para a
Prevención da Violencia no Deporte resulta
contraditorio co que sinala o Plano Xeral de
Normalización Lingüística?
2.ª) ¿Ten pensado a Xunta de Galiza
a adopción de algunha medida urxente
relativa a feitos como o descrito, que infelizmente
non é o único?
3.ª) ¿Vai dispor a Xunta de Galiza
algunha medida, sequer compensatoria, no caso
que nos ocupa para facer visible cando menos
a cooficialidade do galego?
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2004.
Asdo.: Eduardo Gutiérrez Fernández
Deputado do G.P. do BNG
|