|
Pregunta de Ana Pontón
e Bieito Lobeira sobre as actuacións
previstas pola Dirección Xeral de Xuventude
e Solidariedade relativas á difusión
e normalización da lingua galega entre
a mocidade.
Á
Mesa do Parlamento
Ana Belén Pontón Mondelo e Bieito
Lobeira Domínguez, deputada e deputado
do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista
Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento
da Cámara, presentan a seguinte Pregunta,
para a súa resposta oral en Comisión,
sobre as actuacións previstas pola Dirección
Xeral de Xuventude e Solidariedade relativas
á difusión e normalización
da lingua galega entre a mocidade.
Todos os estudos e enquisas realizados sobre
o uso do galego nas últimas décadas,
coinciden en sinalar a alarmante perdida de
galegofalantes entre as xeracións máis
novas da nosa nación. Un proceso preocupante
dado que, entre a poboación de menor
idade, consolídase unha tendencia decrecente
do uso do galego que pon en perigo o futuro
do mesmo. Unha tendencia que contrasta cun período
de cooficialidade, onde teoricamente se destinaron
recursos importantes á normalización
do galego.
O Mapa Sociolingüístico Galego
dá boa conta da alarmante mingua de falantes
na poboación de menor idade. Máis
concretamente cincuenta puntos porcentuais separan
os tramos de idade de 65-80 anos e 15-26 anos,
en canto as persoas que teñen o galego
como lingua inicial. Tal situación compromete
un dos piares básicos na normalización
lingüística como é a conservación
familiar dos usos da lingua. Os dados do censo
de 2001 son reveladores. Descende o nivel de
usos nas cidades e vilas máis importantes
poboacionalmente. É preocupante o ascenso
do número de persoas que afirman non
usar nunca o galego, pasando de 162 mil a 332
mil.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) considera
que debe ser prioritario para a actuación
do conxunto do goberno planificar e aplicar
as medidas recollidas no Plan de Normalización
Lingüística. Se ben, este é
un empeño que debe guiar toda a actuación
gubernamental, consideramos que debe existir
unha especial atención ás medidas
destinadas á normalización do
idioma galego entre a mocidade.
Polo dito formúlase a seguinte pregunta
para a súa resposta oral en Comisión:
1.ª) Que valoración lle merece
á Dirección Xeral de Xuventude
e Solidariedade o nivel de uso do idioma galego
entre a mocidade?
2.ª) Que medidas ten previsto impulsar
a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade
para promover a normalización do mesmo
entre as xeracións máis novas
do país?
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2005.
Asdo.:
Ana Belén Pontón Mondelo
Bieito Lobeira Domínguez
Deputada e deputado do G.P. do BNG.
|