A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

ESTATÍSTICAS.- En doce anos, o galego pasou de ser a lingua inicial do 60% dos galegos a selo só do 20%


[11/10/2007]

Carlos Callón: “O galego está na peor situación de toda a súa historia, porén a batalla non está perdida”

Só o 1,6% dos ferroláns menores de 25 anos tiveron o galego como primeira lingua

A Mesa reclámalle ao bipartito a plena aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega nesta lexislatura, “para deter esta sangría”

A Mesa pola Normalización Lingüística analiza “con suma preocupación” as estatísticas publicadas recentemente sobre a lingua inicial en Galiza, que sinalan que o galego pasou de ser o primeiro idioma dun 60,3% dos galegos en 1992 a ocupar a posición minoritaria, do 20,6%, no ano 2004. A situación nas cidades é especialmente grave. Por exemplo, só ao 1,6% dos ferroláns e ao 4,3% dos vigueses lle falaron seus pais en galego.

Estes datos proceden dos inquéritos realizados polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega para elaborar o segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galiza, financiado pola Presidencia da Xunta a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, agarda que “estes datos estarrecedores sirvan para mover á reflexión de todos os galegos e galegas, pois de todas e todos nós depende que o galego siga vivo”. Singularmente, o dirixente da Mesa chama á responsabilidade dos poderes públicos, para que “fagan unha política lingüística seria, que garanta o dereito a vivir con normalidade en galego”. “As estatísticas son contundentes: O galego está na peor situación de toda a súa historia, porén a batalla non está perdida. O galego pode revitalizarse se se toman as medidas para iso.”

Desde A Mesa sinálase como obxectivo concreto que o goberno bipartito da Xunta de Galiza dea “pleno cumprimento nesta lexislatura” ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que se aprobou por unanimidade en 2004 e que, segundo a organización cidadá en defensa da lingua, “aínda case non se desenvolveu”. “Só poderemos deter esta sangría se se toman as medidas para deter as discriminacións ou vulneracións de dereitos lingüísticos contra as persoas que queren vivir en galego e no Plan Xeral do Parlamento hai medidas concretas para que a situación poida mudar”.

MÁIS INFORMACIÓN NOUTROS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:

  • «É preciso garantir a igualdade de oportunidades para a nosa lingua para mudar a situación» [LVG 12/10/07]

  • A Mesa cre que o galego pasa a 'peor situación da súa historia' [ECG 12/10/07]

  • Menos do 21% dos adultos aprendeu o galego como primeira lingua [GH 12/10/07]

  • Carlos Callón: "O galego está no seu peor momento" [X 13/10/07]

  • Callón: «Moita xente nova de Ferrol quere dar o salto ao galego» [LVG - Ed Ferrol 14/10/07]

  • Pólvora para Carlos Callón [ECG 14/10/07]

  • Arriba

    Máis noticias

    ESTATÍSTICAS.- A Mesa lamenta que non se presentase o MSG antes, mais agarda que a RAG encabece a loita na defensa da nosa lingua

    ESTATÍSTICAS.- Os novos datos do Mapa Sociolingüístico confirman que o galego está nunha “situación de emerxencia”

    INQUÉRITO.- Un estudo da Universidade da Coruña responsabiliza os docentes de que o galego perda falantes nas aulas

         
       

    Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
    Ligazóns
    | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate