CINEMA.- A Mocidade pola Normalización Lingüística anima a acudir aos pases en galego de Nocturna, o novo traballo de animación da factoría Filmax
[12/10/2007]
Porén, a sección xuvenil da Mesa considera “abertamente insuficiente” o número de salas en que se vai poder visionar o filme en todo o país
A partir deste fin de semana de ponte, pódese ver nas salas de cinema de Galiza o filme Nocturna, nova produción de animación da factoría Filmax especialmente dirixida á xente máis nova. A fita poderá visionarse tamén en lingua galega nun total de catro salas do país (Filmax da Coruña, Filmax Fontiñas e Multicinemas Compostela na capital galega e Multicinemas Norte en Vigo).
Como sempre que se estrea un filme nas nosas salas con posibilidade de ser visionado no noso idioma, a Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, anima a todos os públicos, maiores e pequenos, a acudiren a calquera dos cinemas onde Nocturna se exhibe en lingua galega. Para a Mocidade da Mesa trátase dun acto de compromiso e reivindicación do idioma propio, nun ámbito esencial para a normalización da lingua como o cinema e, en xeral, os espazos de lecer máis frecuentados pola poboación no seu conxuntol; mais trátase tamén dun xeito de desfrutar do cinema e de exercermos o dereito básico que nos asiste a o podermos facer no noso propio idioma.
Porén, malia considerar sempre “como unha boa noticia” calquera estrea de cinema en galego, a Mocidade pola Normalización Lingüística chama a atención sobre o escaso número de salas onde se exhibirá en galego o novo traballo de Filmax. Así, mentres que Nocturna só poderá verse no noso idioma en tres cidades galegas, poderá visionarse en castelán en calquera das sete cidades e en máis do duplo de salas. “O galego segue así tratado como idioma de excepción e como cousa anecdótica na súa propia terra ”, sinalan desde as Mocidades da Mesa, “ben lonxe dunha suposta ou teórica igualdade ou equilibrio co castelán”.
|