VIA GALEGO.- O Parlamento da Galiza apoia, por unanimidade, a recepción das TVs e radios portuguesas no noso país
[10/04/2008]
A Fundación Via Galego maniféstase “moi satisfeita" con este paso adiante” para a materialización dunha reivindicación galeguista histórica
O grupo parlamentar do BNG presentaba onte no Parlamento galego unha proposición non de lei que pretendía instar o goberno autonómico para que se dirixa ao executivo central a fin de lle pedir que adopte as medidas que foren necesarias para que na Galiza se poidan recibir as radios e televisións portuguesas en aberto no prazo máis imediato posíbel. O deputado Bieito Lobeira, que defendía a iniciativa nacionalista, advertía do actual grande descoñecemento mutuo entre a Galiza e Portugal que leva, por exemplo, a que haxa “nenos que saben o que é Friday e non saben o que é sexta-feira”, acrecentando que isto representa deixar de se aproveitaren os beneficios esperábeis, en ámbitos como o lingüístico ou económico, dunha máis intensa relación con Portugal. Para paliar esta situación, o parlamentar nacionalista consideraba fundamental a reivindicación “unánime” das televisións e radios portuguesas desde o Parlamento galego.
A proposición non de lei, que tamén compele o goberno español para que traslade ao goberno portugués o interese galego por que “a recepción en Portugal do sinal da radio e televisión galega” sexa facilitada, foi finalmente aprobada polos tres grupos parlamentares.
A Fundación Via Galego, que ten en andamento unha campaña para conseguir materializar a histórica reivindicación galeguista dos medios portugueses na Galiza, maniféstase “moi satisfeita con este paso adiante”. O seu director de actividades, Ângelo Gonçalves, que acudía á sesión parlamentar como convidado, considera especialmente importante que a proposición non de lei inclúa no seu texto unha referencia temporal, segundo a que o goberno español deberá proceder “no prazo temporal máis inmediato posíbel”, que na súa opinión constitúe “o recoñecemento de que as condicións técnicas existen xa e que o único que está a demorar a chegada dos medios portugueses ao noso país é a falta de vontade e iniciativa política, tal como ten sostido Via Galego reiteradamente. Esperemos que este importante avanzo atinxido no Parlamento constitúa o inicio dunha mudanza definitiva de actitude en relación a este asunto na clase política galega e na española”.
O director de actividades de Via Galego congratulábase tamén polo feito de a proposición non de lei ter alcanzado un apoio unánime do Parlamento. “Isto demostra que se trata dunha reivindicación de todo un pobo, que clama por dar este importante paso para comezar a reverter a artificial separación comunicativa entre Portugal e a Galiza, imposta por intereses políticos foráneos, e completamente irracional e prexudicial para o noso país”. Ângelo Gonçalves advertía, ademais, que “a nosa institución non descansará e adoptará en breve novas iniciativas en relación a este asunto para explicar á sociedade galega a importancia do que nos estamos a xogar, e para que a clase política galega non se durma”.
|