A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

18 DE MAIO.- Case 500 colectivos apoian xa a manifestación convocada para mañá


[17/05/2008]

Carlos Callón: “Sen reivindicacións non hai conquistas”

A Mesa pola Normalización chama a toda a sociedade a mobilizarse mañá “Polo dereito a vivirmos en galego”

A asociación recorda no Día das Letras que na actualidade se segue a discriminar a persoas por falar galego

A Mesa pola Normalización Lingüística recordou hoxe, nunha conferencia de imprensa celebrada co gallo do Día das Letras, que, neste ano 2008, se segue a discriminar a moitas persoas por usar a lingua galega, e realizou un chamamento a participar mañá na manifestación “Polo dereito a vivirmos en galego”.

Esta marcha, que partirá ás doce do mediodía da Alameda compostelá, e que concluirá na Praza da Quintana, recibiu xa o apoio de case 500 colectivos de moi diferente ámbito, e é previsíbel que a cifra aumente nas vindeiras horas. Entre as adhesións, tal e como salientou o presidente da Mesa, Carlos Callón, atópanse “desde a Federación Galega de Halterofilia ao Rácing de Ferrol, pasando pola Academia Galega do Audiovisual, concellos como o da Coruña (que por vez primeira apoia un manifesto deste tipo), numerosas asociacións veciñais, xuvenís, culturais, estudantís, colexios profesionais, centros de ensino etc”.

Callón, que compareceu perante os medios acompañado polos membros da Comisión Permanente da Mesa Iria Taibo, secretaria xeral da asociación; Fran Rei, responsábel de Zonas e da Mocidade pola NL; Susana Romero, Elsa Quintas, Andrés Gómez-Chao e Adolfo Muíños, comezou a súa intervención felicitando a todos os galegos e galegas pola celebración do Día das Letras. “Os galegos e galegas de hoxe herdamos unha enorme proeza: o mantemento da nosa lingua a pesar de séculos de persecución, prohibición e discriminación”, asegurou. No entanto, tamén lembrou que se continúan a producir discriminacións por usar o galego, moitas delas veladas ou sibilinas, e outras tan graves como os casos que ten denunciado A Mesa pola Normalización nos últimos meses.

O presidente da Mesa recordou casos recoñecidos polas diferentes empresas implicadas, desde o “¡Burra, no hables lenguas menores!” que lle soltou a unha traballadora do Carrefour da Coruña o seu superior ao “¿Y si se te escapa algo en gallego?”, que foi argumentado para non contratar a unha persoa no Hotel Ciudad de Vigo, a pesar de que tamén falaba castelán, inglés, francés, alemán, italiano e o estándar portugués. Outro caso grave dos últimos meses, recoñecido tamén pola propia empresa, foi o caso da pediatra do Hospital Modelo da Coruña que lle prohibía aos seus pacientes, menores de idade, que se dirixisen a ela en galego.

O máximo representante da asociación en defensa da lingua aseverou que “fronte a isto cómpre a mobilización, porque sen reivindicacións non hai conquistas”. “Na nosa man está que o galego teña presente e teña futuro, pois ao longo da historia do noso milenario idioma puidemos ver que nunca houbo adiantos sen mobilización previa da sociedade”, asegurou Callón.

O presidente da Mesa pola Normalización informou de que o acto que se vai celebrar na Quintana será presentado pola actriz Isabel Martínez-Risco, coñecida polo seu traballo en series como Padre Casares ou o programa Air Galicia, e que van ler o manifesto persoas que, ao longo do ano, se significaron pola súa defensa do galego, a pesar dos múltiplos atrancos que atoparon no camiño.

Así, a primeira parte soará na voz de Ana López-Suevos, xuíza denunciada ante o Consello Xeral do Poder Xudicial por un avogado da Cadena Cope por redactar unha sentenza en galego. Seguiraa Ignacio Vilar, director e produtor de Pradolongo, exitoso filme rodado integramente na nosa lingua e que non se puido visionar nas salas comerciais de Santiago de Compostela pola negativa dos seus responsábeis. Xesús da Torre, que non foi contratado nun hotel por falar en galego, e Eduardo Álvarez, mestre denunciado e sancionado por reclamar da administración de xustiza o dereito a expresarse e a recibir información en galego completarán a lectura do manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego”.

Despois da manifestación, xa pola tarde, celebrarase a Festa da Lingua, pensada especificamente para os nenos e as nenas, con actuacións circenses e musicais. Será a partir das 16.30 h nunha carpa que se instalará no Toural. O acto está organizado pola Mesa e pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza.

Os nenos tamén terán presenza na manifestación. Como xa é tradicional, explicou o presidente da asociación cívica, esta estará encabezada por nenos, que levarán unha faixa co lema “Súmate connosco ao futuro do galego”. Carlos Callón sinalou que “con isto, o que queremos exemplificar é que, aínda que estamos ante un momento crítico para a lingua, a batalla non está perdida”.

MÁIS INFORMACIÓN NOUTROS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:

  • Miles de persoas reclamarán hoxe na cidade máis usos e presenza para a lingua galega [LVG - Edición Compostela 17/05/08]

  • O BNG de Dodro acusa ao alcalde de non apoiar unha iniciativa da Mesa a favor do galego [LVG - Edición Compostela 17/05/08]

  • Liberdade para vivir en galego [Artigo de Beatriz Guiance en MG 17/05/08]

  • Arriba

    Máis noticias

    MANIFESTACIÓN.- A Mesa reclámalle ao Presidente da Xunta que 'active o departamento de Política Lingüística'

    MANIFESTACIÓN.- Arredor de 25.000 persoas encheron a Quintana para reclamar 'o dereito a vivirmos en galego'

    LABORAL.- A Mesa deu a coñecer esta mañá en Vigo un novo caso de discriminación lingüística no ámbito das relacións laborais

         
       

    Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
    Ligazóns
    | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate