A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

MANIFESTACIÓN.- A Mesa reclámalle ao Presidente da Xunta que 'active o departamento de Política Lingüística'


[19/05/2008]

A Mesa responsabiliza a Touriño de que non se cumpra o decreto de galeguización do ensino e de que Indiana Jones non se estree en galego

Despois do “contundente éxito” da manifestación que onte percorreu as rúas de Santiago de Compostela, A Mesa pola Normalización Lingüística reclámalle ás administracións que “escoiten a voz destas 500 entidades e destes milleiros de persoas que piden medidas concretas para garantir o dereito a vivir en galego”. Concretamente, a organización en defensa da lingua de Galiza reclámalle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que active o departamento de Política Lingüística, que depende directamente del e ao que acusan de “realizar unha política consciente de mantemento da diglosia e contra a extensión do galego aos diferentes ámbitos da vida social”.

Nunha entrevista esta mañá no programa “Bos días” da TVG, o presidente da Mesa, Carlos Callón, responsabilizou directamente ao presidente da Xunta da parálise que vive a Secretaría Xeral de Política Lingüística e de que o decreto que regula as materias mínimas a ministrar en galego se vulnere na maioría dos centros educativos. “É duro que desde a Presidencia da Xunta se dean indicacións á Consellaría de Educación para que non se cumpra o decreto de galeguización do ensino”, lamentou, “pois iso significa que se vulnera o dereito dos rapaces e rapazas a unha formación de calidade”, ademais de que “os gobernos deben cumprir as leis”. Callón lembrou tamén que “a inmensa maioría da comunidade educativa apoia que este decreto se cumpra e que se vaia no camiño de que o galego ocupe o lugar que lle corresponde no sistema educativo como lingua propia de Galiza”.

Na entrevista, o dirixente da Mesa tamén sinalou que “se o próximo 22 de maio non imos poder ver o novo filme de Indiana Jones en galego é porque desde a Presidencia da Xunta, con competencia na materia, non se levantou o teléfono para falar coa distribuidora, Paramount, que estaría disposta a dobrar este filme ao noso idioma, igual que o vai estrear en catalán”.

Callón agradeceu, así mesmo, os respaldos recibidos á manifestación celebrada so o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”, mais tamén pediu desculpas “aos centos de manifestantes que non puideron acceder á Praza da Quintana por encontrarse esta ateigada xa de xente”.

Por último, realizou un convite a que máis xente se incorpore a esta asociación en defensa do idioma, pois “canta máis xente forme parte da nosa organización, A Mesa terá máis forza para incidir en defensa do noso idioma”. Indicou que, para afiliarse, só é necesario cubrir o formulario existente na súa páxina web, www.amesanl.org. “Se nós non defendemos o noso idioma, temos de saber que ninguén o vai defender por nós”, concluíu.

INFORMACIÓN NOUTROS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:

  • A Mesa reclama a activación de Política Lingüística [ANT 20/05/08]

  • Callón acusa a Touriño de actuar contra a lingua galega [GH 20/05/08]

  • Feixó defende que se poida escoller a lingua do ensino [EP 20/05/08]

  • Touriño insiste en que o galego "non é un problema de país" [X 20/05/08]

  • Arriba

    Máis noticias

    MANIFESTACIÓN.- Arredor de 25.000 persoas encheron a Quintana para reclamar 'o dereito a vivirmos en galego'

    18 DE MAIO.- Case 500 colectivos apoian xa a manifestación convocada para mañá

    LABORAL.- A Mesa deu a coñecer esta mañá en Vigo un novo caso de discriminación lingüística no ámbito das relacións laborais

         
       

    Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
    Ligazóns
    | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate