A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

CINEMA.- A Mesa de Bergantiños distribuirá na comarca materiais en demanda dunha maior presenza do galego no cinema


[16/06/2008]

O grupo comarcal da entidade difundirá cartaces da campaña “Indiana Jones na procura da dobraxe prohibida”, iniciativa conxunta da sección xuvenil da Mesa e a asociación galega de profesionais da dobraxe APRADOGA

A Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños difundirá nos próximos días polas distintas localidades da comarca materiais dunha nova campaña que a organización está a desenvolver en demanda dunha maior presenza da lingua galega no ámbito do cinema, nomeadamente a respecto da dobraxe dos filmes con maiores perspectivas comerciais.

A campaña, titulada “Indiana Jones na procura da dobraxe prohibida”, está elaborada de xeito conxunto pola Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, e mais a APRADOGA (Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galiza). Como o seu título indica, a iniciativa reivindicativa deu en coller como exemplo un filme exitoso que nestas semanas se está a exhibir nas salas comerciais: o de Indiana Jones e o reino da caveira de cristal. A razón é que este filme está a poderse visionar con total normalidade en lingua catalá nas salas comerciais de Catalunya, no entanto en Galiza “non se deron pasos efectivos nin sequera para estudar a posíbel dobraxe ao galego”, segundo denunciou a Mocidade pola Normalización Lingüística.

Porén, a campaña reivindicativa que estes días se comezará a difundir en Bergantiños pretende ir alén do filme de Indiana Jones e “exixir das administracións responsábeis” algo tan básico, segundo A Mesa, como “o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado polo Parlamento autonómico en 2004 por unanimidade”. Dito Plan sinala nunha das súas medidas concretas “garantir a dobraxe ao galego de, cando menos, dez filmes ao ano, de entre os que presentaren maiores expectativas comerciais”. Para A Mesa “é máis que obvio que esta medida non só está moi lonxe de ser realidade, mais tamén que a presenza do galego no ámbito do cinema comercial é practicamente nula”.

Outra das reivindicacións básicas da campaña, para a que se conta co apoio da asociación galega que agrupa os profesionais da dobraxe en Galiza, é a creación dun servizo público de dobraxe e lexendaxe dependente da TVG “semellante ao que desde hai anos funciona en Catalunya da man da TV3 e que permite unha abondosa oferta de filmes e materiais audiovisuais en catalán ao servizo de calquera público”.

A Mesa chama a través desta campaña ao envío masivo de correos electrónicos ao Presidente da Xunta de Galiza Emilio Pérez Touriño, de quen dependen directamente as Scretarías Xerais de Política Lingüística e Comunicación, “para que as poña a traballar no que realmente debe ser un dos seus obxectivos principais”.

Arriba

Na imprensa

Máis noticias

CINEMA.- Estrea en televisión de Pradolongo mañá martes na TVG

CINEMA.- Modificación na promoción do filme A Crise Carnívora, que Continental convida a ver de balde

CINEMA.- A Mesa e APRADOGA demándanlle á Xunta a creación dun Servizo Galego de Dobraxe e Lexendaxe

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate