FERROL.- A Mesa pide ao Comité de Empresa de Navantia que defenda unha cláusula contra a discriminación lingüística no novo convenio colectivo que está a negociar
[07/07/2008]
O Estatuto dos Traballadores sinala no seu artigo 4.2.c que os traballadores teñen dereito “a non seren discriminados por razóns de lingua” nas súas relacións laborais.
Carlos Outeiro, responsábel da Mesa na zona de Ferrol e traballador de Navantia, denunciara hai unhas semanas a recepción dun correo electrónico “insultante” perante unha consulta que el formulara en lingua galega a un dos departamentos da empresa.
A Mesa pola Normalización Lingüística da zona de Ferrol dirixiu un escrito ao Comité de Empresa de Navantia o pasado 4 de xullo en que lle propón “negociar” que no novo convenio colectivo que se está a tramitar nestes momentos apareza “especificamente sinalado” que ningunha traballadora ou traballador “poderá ser discriminado por razón da lingua que empregue” nas súas relacións laborais no ámbito da empresa.
O Estatuto dos Traballadores recolle no seu artigo 4.2.c, no referente aos dereitos laborais básicos das traballadores e traballadores, que “na relación de traballo”, estas e estes “teñen dereito a non seren discriminados, para o emprego ou unha vez empregados, por razón de sexo, estado civil, pola idade dentro dos límites marcados por esta Lei, raza, condición social, ideas relixiosas ou políticas, afiliación ou non a un sindicato, así como por razón de lingua, dentro do Estado español”.
A Mesa considera no escrito enviado á representación legal dos traballadores de Navantia na Ría de Ferrol que “a situación lingüística no centro de traballo dista moito de corresponderse coa súa ubicación xeográfica: un país chamado Galiza cunha lingua de seu chamada galego”.
A asociación exemplifica a “necesidade” de que “os dereitos lingüísticos teñan o seu espazo” no novo convenio en casos como o acontencido ao seu propio responsábel en Ferrol e traballador do estaleiro, Carlos Outeiro, hai unhas semanas ao enviar un correo electrónico cunha consulta laboral en galego. Porén, A Mesa tamén sinala que a lingua propia de Galiza e habitual dunha parte importante do persoal de Navantia está excluída da sinaléctica interna, documentación e comunicacións, etc.
A entidade cidadá agarda que a resposta das organizacións sindicais que participan do Comité de Empresa e da negociación do convenio, así como da parte empresarial, sexa “positiva á proposta” e que o galego “poida converterse nun valor de integración” de Navantia no seu “contorno social”, como o director do centro da Ría de Ferrol asegurou en resposta á representación legal das e dos traballadores logo da situación vivida por Carlos Outeiro.
|