A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

EMPRESA.- A Mesa acusa ao Club Financiero Vigo de seguir o “catecismo lingüístico do PP”


[03/09/2008]

Os casos de Euskadi e Cataluña demostran que fomentar a lingua propia no ensino non é prexudicial para a economía, segundo a asociación

“O desenvolvemento económico si está pexado por aqueles grupos que non cren nas capacidades do país”, asegura Carlos Callón

A Mesa pola Normalización Lingüística lamenta as declaracións feitas onte polos directivos do Club Financiero Vigo (CFV) en contra do uso normal da lingua galega. Segundo a asociación en defensa do idioma propio de Galiza, o documento presentado onte polo CFV baixo o título “Política Lingüística. Unha visión empresarial” e aprobado pola súa xunta directiva “cáese das mans pola súa acumulación de prexuízos carpetovetónicos”.

A Mesa informou de que se vai dirixir a todos os accionistas do CFV, entre os que se atopan administracións e empresas con capital público, para lle manifestar o seu malestar e para que lle exixan unha rectificación ao equipo directivo.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, recorda “que fomentar as linguas propias no ensino non é prexudicial para a economía, como claramente nolo demostran os exemplos de Euskadi e Cataluña”. Así, asegura, “nos últimos vinte anos melloraron o seu nivel de desenvolvemento ao mesmo tempo que afortalaron os seus idiomas propios”.

“Alguén pode afirmar, sen caer no ridículo máis absoluto, que Cataluña ten máis dificultades económicas que outras comunidades do Estado porque alí o catalán é lingua vehicular no ensino?”, engade o presidente da Mesa, quen asegura que “o desenvolvemento económico si está pexado, obstaculizado, por aqueles sectores que non cren nas capacidades do país e que gastan os seus esforzos en atacar a cultura propia”.

Segundo A Mesa pola Normalización, “a dirección do CFV segue ao pé da letra o catecismo do PP en materia lingüística: camuflan de ‘bilingüismo harmónico’ a súa descarnada proposta de que o galego careza de protección oficial, menten e manipulan sobre a realidade sociolingüística do país, obvian o recoñecemento constitucional e estatutario do galego e pasan por alto a existencia de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos que están sendo vulnerados co galego”.

MÁIS INFORMACIÓN NOUTROS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:

  • Asombro xeral ante a postura do Club Financiero de Vigo coa lingua [GH 04/09/08]

  • A Xunta achaga a "prexuízos" as críticas dos empresarios á súa política lingüística [FDV 04/09/08]

  • Xunta e sindicatos rexeitan que o galego prexudique ás empresas [LOC 04/09/08]

  • Arriba

    Máis noticias

    EMPRESA.- A Libraría Pedreira, Localia Santiago e a tenda de lambonadas Pecados, premios Manuel Beiras 2009

    EMPRESA.- A Mesa reclama que se recuperen as axudas directas ao empresariado para o uso do galego

    FERROL.- A Mesa pide ao Comité de Empresa de Navantia que defenda unha cláusula contra a discriminación lingüística no novo convenio colectivo que está a negociar

         
       

    Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
    Ligazóns
    | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate