VIA GALEGO.- Além Minho: teatro e sons da lusofonía da man da Fundación Via Galego
[18/12/2008]
A Sala Nasa acollerá esta fin de semana representacións teatrais, títeres e música de diferentes países de fala portuguesa
A Fundación Via Galego organiza para os vindeiros días 19, 20 e 21 de decembro o ciclo de teatro da lusofonía Além Minho, que se celebrará na Sala Nasa de Santiago de Compostela coa colaboración da Concellaría de Cultura. O obxectivo desta iniciativa é achegar ao público compostelán e galego as creacións culturais de países distantes, como Brasil ou Mozambique, e próximos como Portugal, unidos pola ponte da lingua. Farase desconto nas entradas anticipadas, que se poden mercar na web da Sala Nasa.
Artistas galegos, angolanos, mozambicanos e brasileiros participan nesta programación, que comezará o venres da man da compañía Trigo Limpo, que estrea en Galiza a súa obra Chovem amores na rua do Matador, con textos de José Eduardo Agualusa e Mia Couto. Será a próxima sexta, 19, ás 21:30 horas.
Xa ao día seguinte, o sábado 20 ás seis da tarde, será a hora dos máis cativos. A compañía brasileira Mariza Basso porá en escea A quinta dos obxectos, teatro de animación para nenas e nenos a partir de tres anos. E como remate, o domingo chega á Nasa o quinteto vocal do Porto Vozes da Rádio, que sairá a escea ás oito e media da tarde.
Quico Cadaval, patrón da Fundación Via Galego e co-organizador de Além Minho, salientou esta mañá na conferencia de imprensa de presentación que a escolla da Nasa para celebrar estas funcións “non é casualidade, xa que esta sala apostou desde o seu nacemento por promover os intercambios culturais cos países de fala oficial portuguesa”.
A brasileira Mariza Basso, solista da obra A quinta dos objectos, manifestou a súa sorpresa por “poder falar aquí en portugués e atopar persoas preocupadas por unir países cunha lingua igual”. Explicou que na súa función, destinada a nenas e nenos a partir de tres anos, se utilizan obxectos domésticos, como vasoiras ou peites, para construír bonecos. Segundo Basso, trátase de “voltar a exercitar a creatividade neste mundo tan mecanizado”. Pola súa banda, Xesús Ron, director da Sala Nasa, manifestou a intención de estreitar a colaboración con Via Galego, que programa por segunda vez en seis meses neste espazo artístico, e continuar a aumentar as actuacións de artistas da lusofonía.
|