A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

ESTATÍSTICAS.- Os novos datos do Mapa Sociolingüístico confirman que o galego está nunha “situación de emerxencia”


[17/03/2009]

En doce anos duplicouse o número de persoas que nunca falan en galego, do 13 ao 25 por cento

O 10,7% dos menores galegos recoñecen que recibiron ensino “só en castelán”, a pesar do anterior decreto

A Mesa advirte de que tomar agora medidas contra o galego, como as propostas polo PP, pode ser “letal” e chama a manifestarse en defensa desta lingua o Día das Letras

A Mesa pola Normalización Lingüística deu esta mañá a coñecer os datos do Mapa Sociolingüístico de Galiza (MSG), elaborado pola Real Academia Galega (RAG), do cal se desprende, entre outros datos, que en doce anos (do 1992 ao 2004, co PP gobernando na Xunta) se duplicou o número de persoas que “nunca falan en galego”, do 13 ao 25,8 por cento; ou que neste mesmo período de tempo se dividiu á metade o número de persoas que din falar habitualmente en galego: do 30,5 ao 16 por cento. Sumando as persoas que din falar “só galego” e “máis galego”, prodúcese unha caída de 22,1 puntos no uso habitual desta lingua.


Só galegoMáis galegoMáis castelánSó castelán
MSG-9230,530,52613
MSG-041622,935,325,8

Segundo o presidente da Mesa, Carlos Callón, estes datos indican que “o galego está nunha situación de emerxencia”, aínda que “non é un punto de non retorno”. Por iso, desde A Mesa reclámanse “medidas en favor do galego por parte de todos os poderes públicos, en primeiro lugar, do Goberno galego, mais tamén do Goberno do Estado e das administracións locais”. Así mesmo, chama á poboación a mobilizarse en defensa da lingua que nos une como galegas e como galegos, para o cal está convocada unha manifestación para o Día das Letras, 17 de maio.

Para Callón, que nesta situación “tan precaria” se poidan adoptar medidas contra o galego podería ser “letal”. “O próximo presidente da Xunta di que vai gobernar para todos, mais a primeira medida que anuncia é derrogar o decreto do galego no ensino, mentres segue a mentir sobre a verdadeira situación da nosa lingua”, sinala o dirixente da maior asociación cultural de Galiza.

Ademais, desde A Mesa responden á “cínica chamada de Feijóo ao que el denomina liberdade lingüística, como se o castelán estivese en perigo”, pois este estudo, como o resto dos realizados, amosa que “en Galiza hai unha lingua discriminada e na que non hai liberdade real para utilizala nos diferentes ámbitos, e é o galego”. Por iso, desde esta entidade apuntan que “os poderes públicos deben adoptar medidas para amparar o galego, non para aplastalo”.

Elaborado pola Real Academia Galega (RAG) e financiado pola Presidencia da Xunta, o Mapa Sociolingüístico é o estudo deste tipo máis completo feito a unha lingua romance, pola cantidade de persoas enquisadas, e supón unha radiografía minuciosa da situación e evolución do galego.

A primeira recollida de datos para o estudo fíxose no ano 1992, e a segunda no ano 2004, que é a que agora se publica. O MSG edítase en tres volumes: Lingua inicial e competencia lingüística (editáronse tanto os dos anos 1992 como 2004), Usos lingüísticos (preséntase agora o de 2004) e Actitudes lingüísticas (só están publicados os datos de 1992).

Segundo Carlos Callón, a RAG dispón destes datos finalizados desde hai meses, e “non podemos máis que lamentar que non os presentase publicamente e que só comezase a distribuír este traballo polas librarías despois das eleccións autonómicas, xa que as conclusións que se extraen sobre o anterior mandato do PP (o estudo é de 2004) son contundentes e desmontan, máis unha vez, a demagoxia e a falacia deste partido sobre o galego no ensino”. Porén, o presidente da Mesa amosou a súa confianza en que “esta institución abandeirará a defensa da nosa lingua nos tempos duros que se aveciñan”.
Segundo os datos do MSG, prodúcese unha forte relación inversa entre o uso do galego e o maior nivel educativo, mostra do proceso castelanizador da escola. Cando se observan só os datos de rapaces e rapazas menores de 18 anos que residiron sempre en Galiza, as conclusión do MSG (pp. 64-65) son alarmantes. O resultado máis rechamante deste cruzamento [“lingua habitual segundo as linguas das clases en primaria (menores de 18 anos que residiron sempre en Galiza)”] é que en todas as categorías aparecen casos de ‘todo en castelán’, cando esta opción non debera ter presenza no tramo de idade sondado [polo decreto 247/95]. De feito, neste grupo a opción ‘todo en castelán’ supón o 10,7%.

Á parte desta circunstancia, a relación entre as dúas variábeis amosa un desequilibrio a prol do castelán nos usuarios habituais desta lingua. A presenza do galego no ensino no grupo de monolingües en castelán limítase ao 14,3%, fronte ao 85,7% do castelán, 71,5 puntos por debaixo. No grupo de máis castelán, as diferenzas no uso docente entre os dous idiomas, aínda que menores, acadan 63,1 puntos a favor do español.

A Mesa conclúe que “o galego é a lingua do Estado máis desamparada, porén pode revitalizarse se se toman as medidas para iso”. Por iso, A Mesa ademais de facer un “chamamento de urxencia” aos poderes públicos tamén chamou á “reflexión de todas as galegas e de todos os galegos, pois de todas e todos nós depende que o galego siga vivo”. “Se nós non o defendemos, ninguén o vai facer por nós”, concluíu.

O presidente da Mesa lembrou tamén os datos de lingua inicial en Galiza, recollidos no primeiro volume do MSG, segundo os cales o galego pasou de ser o primeiro idioma dun 60,3% dos galegos en 1992 a ocupar a posición minoritaria, do 20,6%, no ano 2004: unha caída de corenta puntos en doce anos.

Segundo o estudo presentado hoxe pola asociación en defensa da lingua, amósase unha tendencia en xeral a utilizar máis o castelán que o galego entre a xente que se auto-define como “bilingüe”: o paso dun uso bilingüe ao outro é máis frecuente nos que adquiriron máis galego (18,7%)” (p. 44) e a “menor tendencia ao bilingüismo” dáse nos castelanfalantes iniciais (p. 45).

Estes datos constatan, máis unha vez, “como a presenza abrumadora do español na vida social fai que haxa persoas que poidan vivir alleas á lingua propia de Galiza, algo que non acontece á inversa, xa que non está garantido o dereito a poder vivir en galego”, segundo Callón.

Aínda que se constata que “a mellor competencia para falar o galego, maior tendencia a usalo”, tamén se observa que “case a metade (48,2%) de quen se considera moi capaz en galego está instalado no castelán, ben como monolingüe (14,6%) ben maioritariamente neste idioma (33,6%)”.

Isto amosa, segundo A Mesa, que, aínda que é necesario manter unha aposta pola formación lingüística, tamén é fundamental crear espazos de uso que permitan darlle vitalidade á lingua. A situación diglósica, de distribución desequilibrada do uso do castelán e do galego, mantense, xa que non hai correspondencia entre o número de persoas que utilizan o galego de forma espontánea e a posibilidade de vivir nesa lingua.

Mantense a diferenciación entre rural e urbano
Tal e como se indica no MSG, mantense a asociación entre ámbito rural e maior uso do galego, e ámbito urbano e maior uso do castelán: a maior presenza monolingüe en galego é nos espazos de menos de 5.000 habitantes, dun 40,5%, mentres que do castelán nas cidades é do 35,6%. Porén, tamén nestes doce anos se produciu unha forte caída no rural, que pasa do 55,3% ao 40,5%. O “monolingüismo en castelán” avanza tamén nas cidades: pasan de non falar nunca en galego o 27,1% ao 35,8%.

Segundo o Mapa Sociolingüístico, hai unha notoria perda do denominado “bilingüismo de maioría galego” nos hábitats intermedios e unha considerábel suba do maioritario en español. As cidades con maior uso do castelán (“só e máis castelán”) son Ferrol (85%), Vigo e A Coruña (81,9% en ambas). Cómpre, ademais, salientar a presenza do monolingüismo en castelán en Ferrol (57,5%) e Vigo (45,5%).

O monolingüismo en galego é a opción con menor presenza nas cidades. Os valores máis altos corresponden a Lugo (13,4%) e a Santiago (13,2%) e os máis baixos a Vigo (4,3%) e á Coruña (3,4%). Sumando as opcións “só galego” e “máis galego”, obsérvase que o maior uso deste idioma corresponde a Santiago (41,9%) e a Lugo (40,5%).

A CoruñaFerrolSantiagoLugoOurensePontevedraVigo
Só castelán31,857,520,220,12736,745,5
Máis castelán50,127,537,238,940,839,236,4
Máis galego14,49,528,727,125,715,913,3
Só galego3,45,113,213,466,74,3


MÁIS INFORMACIÓN NOUTROS MEDIOS DE COMUNICACIÓN:

  • En doce anos duplicouse a cifra dos que nunca falan en galego [TVE GZ 17/03/09]

  • A Mesa alerta de que en doce anos se duplicou o número de persoas que 'nunca fala galego' na Comunidade, un 25.8% [EP 17/03/09]

  • A Mesa pola Normalización Lingüística di que 'o galego está na peor situación da historia' [S 17/03/09]

  • Duplícase o número de persoas que nunca fala galego [Q 17/03/09]

  • Entre 1992 e 2004 duplicouse o número de monolingües en castelán [V 17/03/09]

  • A Mesa pola Normalización Lingüística considera que o situación do idioma galego é precaria [TVG 17/03/09]

  • A Mesa alerta de que en doce anos se duplicou o número de persoas que 'nunca fala galego' na Comunidade, un 25.8% [M 17/03/09]

  • A Mesa alerta de que en doce anos se duplicou o número de persoas que 'nunca fala galego' na Comunidade, un 25.8% [ECO 17/03/09]

  • Co PP duplicouse a poboación que nunca fala galego [MG 17/03/09]

  • Catástrofe lingüística [GH 18/03/09]

  • Alertan de que caeu 40 puntos en doce anos o uso do galego [ECG 18/03/09]

  • Unha cuarta parte dos galegos teñen como lingua habitual só o castelán [LOC 18/03/09]

  • A Mesa asegura que a lingua galega está 'nunha situación de emerxencia' [XG 18/03/09]

  • Só o 25% dos habitantes das cidades usa habitualmente o galego [ELP 18/03/09]

  • O número de persoas que só usa castelán duplicouse nunha década [FV 18/03/09]

  • Compostela é a cidade onde máis se usa o galego e destaca en monolingües [LVG 18/03/09]

  • A porcentaxe de galegofalantes caeu do 61 ao 39% en só doce anos [LVG 21/03/09]

  • Arriba

    Máis noticias

    ESTATÍSTICAS.- A Mesa lamenta que non se presentase o MSG antes, mais agarda que a RAG encabece a loita na defensa da nosa lingua

    ESTATÍSTICAS.- En doce anos, o galego pasou de ser a lingua inicial do 60% dos galegos a selo só do 20%

    INQUÉRITO.- Un estudo da Universidade da Coruña responsabiliza os docentes de que o galego perda falantes nas aulas

         
       

    Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
    Ligazóns
    | Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate