ESTATÍSTICAS.- A Mesa lamenta que non se presentase o MSG antes, mais agarda que a RAG encabece a loita na defensa da nosa lingua
[19/03/2009]
En relación coa resposta emitida pola Real Academia Galega (RAG) sobre os alarmantes datos do último Mapa Sociolingüístico de Galiza, A Mesa considera “máis preocupante aínda” que desde a RAG non se emitise ningún comunicado nin se realizase ningunha presentación pública a pesar de teren os libros impresos desde había semanas, como agora informou esta institución.
“Estaban os datos e estaban os libros editados para responder ás difamantes campañas que falaban da imposición do galego e non se fixo nada”, laméntanse. “É triste tanto por parte de quen elaborou o Mapa (a RAG) como de quen o financiou (a Secretaría Xeral de Política Lingüística)”. No entanto, A Mesa traslada o seu desexo de que “a centenaria Academia Galega abandeire e encabece a loita en defensa da nosa lingua nos tempos duros que se aveciñan”.
Segundo o MSG, en doce anos (do 1992 ao 2004, co PP gobernando na Xunta) duplicouse o número de persoas que “nunca falan en galego”, do 13% ao 25,8%. Neste mesmo período, dividiuse á metade o número de persoas que din falar habitualmente en galego: do 30,5% ao 16%. Sumando as persoas que din falar “só galego” e “máis galego”, produciuse unha caída de 22,1 puntos no uso habitual desta lingua. Segundo este estudo, amósase tamén unha tendencia en xeral a utilizar máis o castelán que o galego entre a xente que se auto-define como “bilingüe”. Para A Mesa, que nesta situación “tan precaria” se poidan adoptar medidas contra o galego, como as anunciadas polo PP, podería ser “letal”. |