VIA GALEGO.- A Fundación Via Galego solicita medidas de protección para o galego que se fala fóra da comunidade autónoma
[26/03/2009]
A entidade ofrece este sábado un concerto na nosa lingua para as nenas e nenos do Val das Ellas (Estremadura)
A Fundación Via Galego, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e que ten entre as súas funcións fomentar a presenza da nosa lingua nos territorios do galego estremeiro, organiza este sábado un concerto de música infantil para as nenas e nenos do Val das Ellas, en Estremadura, en colaboración cos tres concellos desta comarca, San Martiño de Trebello, Valverde do Fresno e As Ellas, nos que historicamente se fala o galego debido a unha repoboación medieval e nos que, segundo diversos estudos, existen arredor de 5.000 galegofalantes, unha amplísima maioría da poboación.
O concerto, que está dirixido tanto aos máis cativos como aos seus familiares, correrá a cargo do grupo de música infantil en galego Mamá Cabra, e celebrarase na Casa da Cultura das Ellas a partir das seis da tarde. Na presentación desta iniciativa, na que participaron o presidente da Fundación Via Galego, Carlos Callón, e os músicos de Mamá Cabra Pablo da Lama e Paco Cerdeira, fíxose un especial fincapé na importancia de achegar actividades lúdicas na súa lingua aos nenos e nenas que falan galego fóra da comunidade autónoma galega.
Carlos Callón explicou que aínda que a coñecida como “A Fala” das Ellas foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) pola Junta estremeña no ano 2001, “falta protección xurídica e non hai posibilidade de estudalo nas escolas, aínda que existe un lectorado de galego na Universidade de Estremadura”. Para o presidente da fundación auspiciada pola Mesa, “cómpre que o Estado e os poderes públicos amparen e promovan o galego desta zona, tal e como sinalaba o Consello de Europa no seu último informe”. Callón sinalou que desde a Fundación, creada no ano 2006, se teñen desenvolvido diferentes actividades para promover o galego nos territorios onde historicamente se fala na Franxa do Eo-Navia, Castela León e Estremadura.
O presidente de Via Galego denunciou a “desprotección xurídica” que segundo a fundación sofre a nosa lingua nestas zonas e pediu o amparo das administracións autonómicas correspondentes e o Estado, en cumprimento dos diferentes tratados internacionais que se teñen asinado, así como tamén por parte da Xunta de Galiza.
Carlos Callón recordou que tanto o Estatuto de Autonomía como a Lei de normalización lingüística sinalan a obriga de promover o galego tamén fóra das nosas fronteiras, non só entre as comunidades de emigrantes asentadas en diferentes partes do mundo senón tamén “nestas comarcas nas que se fala galego desde que o galego existe”.
“Que administrativamente estean fóra de Galiza non debe ser óbice para que se poida utilizar a lingua con normalidade, xa que esa é a realidade histórica e das súas rúas”, sinalou Callón, quen recordou “situacións como a vivida no concello zamorano de Lubián no ano 2002, na que uns nenos foron castigados a escribir ‘No volveré a hablar gallego en clase’”.
O presidente da Mesa lembroulle ao futuro presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, o “mandato estatutario de promover a lingua galega” e salientou que “en anteriores gobernos do Partido Popular leváronse a cabo tímidas medidas de recoñecemento e promoción do galego estremeiro” polo que desde A Mesa e a Fundación Via Galego se espera “que a lingua se siga afortalando”.
Na conferencia de imprensa tamén se chamou a atención sobre a escaseza de material lúdico e educativo para nenas e nenos en galego na propia Galiza, xa que, tal e como salientou Paco Cerdeira, “no ámbito musical son contados os grupos que se coñecen en galego para cativos”.
Pola súa banda, o presidente da Mesa informou de que “na asociación se recollen numerosas queixas de pais e nais que non dan atopado material lúdico infantil en galego, aínda que se fixeron algúns avances por parte dos departamentos de Vicepresidencia e Cultura, e mesmo pola Secretaría Xeral de Política Lingüística”. “Se alguén di defender o que chama bilingüismo, que defenda que os nenos e nenas en Galiza tamén poidan acceder a este tipo de materiais en galego”, asegurou Callón, quen criticou que “desde determinados ámbitos se ridiculizaron iniciativas como a das bonecas en galego, coas que non se facía máis que pedir que os nenos e nenas puidesen xogar con normalidade na súa lingua”.
|