MOCIDADE.- Convocadas esta semana xuntanzas abertas en Vigo e Santiago
[28/04/2009]
As Mocidades da Mesa tomarán parte da asemblea aberta que terá lugar esta terza feira, 28 de abril, no Edificio Miralles do CUVI ás 16h.
O colectivo xuvenil da Mesa convoca unha xuntanza aberta na cuarta feira, 29 de abril, ás 20h no local da asociación en Santiago para constituír un grupo de traballo estábel a nivel local.
A Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, reactiva o proceso de reforzamento organizativo da súa estrutura, participando esta semana de dous encontros abertos para avanzar na auto-organización da xente nova con consciencia lingüística e crear redes que permitan facer un traballo activo en favor da lingua.
Así, a Mocidade pola Normalización Lingüística participará da xuntanza aberta que un grupo de estudantes de diversas titulacións do Campus de Vigo convocaron, a título individual, para esta terza feira, 28 de abril, co obxectivo de acordaren crear un grupo de traballo activo en favor do galego no ámbito do CUVI. Este acto desenvolverase a partir das 16h na Sala 1 do Edificio Miralles do Campus (enfronte do centro comercial).
A propia sección xuvenil da Mesa é quen promove a outra asemblea aberta da semana, a que vai ter lugar a cuarta feira, 29 de abril, ás 20h no local nacional da asociación, en Santiago de Compostela (Rúa do Vilar, 15 - 1º dereita, na zona vella), para a creación dun grupo organizativo estábel da Mocidade pola Normalización Lingüística no ámbito do campus e da localidade.
Para as persoas que, non podendo vir, estiverdes interesadas no que se falar e acordar nestas xuntanzas, ficamos ao voso dispor no enderezo de correo-e: mocidade@amesanl.org. |