VIA GALEGO.- O Caminho Peregrino de Christina Oiticica chega á Igrexa da Universidade da man da Fundación Via Galego
[13/05/2009]
A exposición recolle cadros enterrados e desenterrados ao longo de todo o Camiño de Santiago nos últimos dous anos
A Igrexa da Universidade acollerá até o vindeiro 21 de xuño a exposición Caminho Peregrino, da pintora brasileira Christina Oiticica, na que se recollen cadros enterrados e desenterrados nos últimos dous anos ao longo de todo o Camiño de Santiago, desde Saint Jean Pied de Port até a mesma cidade de Compostela.
A exposición, que será inaugurada ás oito deste serán, foi presentada esta mañá nunha conferencia de imprensa na que, ademais da propia autora, participaron Carlos Callón, o presidente da entidade organizadora e coordinadora, e Elvira Fidalgo, vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, que colabora cedendo o espazo.
O traballo conxunto entre a Fundación Via Galego e a autora brasileira comezou xa en xuño de 2008, cando Christina Oiticica enterrou no claustro da Facultade de Historia da USC un par de cadros que, despois de que a natureza traballase neles, desenterrou o pasado mes de novembro, xunto con outros que deixara no Monte do Gozo, inspirándose nas vistas á Catedral. A Fundación é tamén a responsábel da edición dun libro que sobre Caminho Peregrino escribiu a autora, con prólogo de Paulo Coelho.
O presidente da Fundación agradeceulle a Oiticica ter escollido Via Galego para presentar as súas obras en Santiago de Compostela e que ao mesmo tempo exerza de embaixadora de Galiza no Brasil: “Estas obras que expomos a partir de hoxe en Compostela son as súas credenciais”, sinalou. Tamén expresou a súa satisfacción por celebrar a inauguración desta mostra na semana na que Galiza se manifestará en defensa do seu idioma, xa que, segundo Callón, “a lingua é a ponte que nos une aos galegos cos brasileiros e co conxunto da lusofonía, e o obxectivo central de Via Galego é precisamente promover o intercambio cultural con todos estes países”. Tamén agradeceu a colaboración da Universidade de Santiago, do Concello de Santiago de Compostela e da Asociación Cultural Xacobea Paso a Paso.
Pola súa banda, Christina Oiticica manifestou perante os medios de comunicación a súa emoción por ver recollido nesta exposición o seu traballo de máis de dous anos, que tamén foi relatado nun libro homónimo editado por Via Galego.
As obras de Christina Oiticica xa foron expostas en máis de 60 galerías de 12 países diferentes, incluíndo o Carroussel du Louvre en París. Casada co escritor Paulo Coelho, con quen comparte unha grande espiritualidade e relixiosidade, defínese como unha artista que combina arte figurativa e abstracta.
A particular técnica artística empregada por Oiticica en Caminho Peregrino, recoñecida internacionalmente, constitúe unha transformación do denominado ecoarte ou land art combinado coa pintura, que consiste en permitir que a natureza inflúa esteticamente sobre as súas obras. Antes de traballar no Camiño de Santiago, a artista xa experimentara con esta técnica no Amazonas, os Pireneos e na India.
Christina decidiu realizar as súas obras en diferentes puntos do Camiño, aproveitando o relevo das pedras, a intervención da chuvia e da neve, a cor da terra, pigmentos naturais e cera. Unha vez rematadas, a artista “plántaas” ou “entérraas” na terra durante uns meses permitindo a interacción da natureza, segunda fase do proceso creativo.
A Fundación Via Galego A Fundación Via Galego, auspiciada pola Mesa pola Normalización Lingüística, é unha fundación que ten como principal finalidade propiciar a relación cultural de Galiza cos territorios de lingua portuguesa, coas colectividades emigradas e con outras relacionadas co sistema lingüístico galego-portugués. Foi declarada de interese público pola Xunta de Galiza o 18 de outubro de 2006 e de interese galego o 15 de novembro dese ano.
|