DEPUTACIÓN - A Mesa pide que se coñezan as contas das xornadas contra o galego que pagou a Deputación de Pontevedra
[15/09/2009]
Carlos Callón: “Reclamamos que a Deputación regrese ao cumprimento das súas obrigas de promoción do idioma propio e discriminado, que é o galego”
Consideran unha “medida reaccionaria” que a Deputación de Pontevedra deixase de comprar libros escritos en galego, “como se a nosa lingua fose algo tóxico”
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, criticou as “medidas contra o galego” adoptadas desde a Deputación de Pontevedra, entre as cales citou a decisión de deixar de comprar libros en galego e o financiamento das xornadas realizadas esta fin de semana, “as primeiras na historia da democracia en todo o Estado nas que unha administración paga, co diñeiro de todas e todos, os ataques contra a diversidade e a convivencia lingüística”.
Callón afirmou que esta actividade foi un “monólogo de extremistas, sen abrir o contraste a persoas de opinións diferentes nin contar coa presenza de expertos cualificados, como especialistas en pedagoxía”. “Mesmo chegaron a falar do galego como algo menor, nunha mostra deplorábel de racismo lingüístico, de pensar que hai idiomas de primeira e idiomas de segunda, idiomas con dereitos e idiomas sen dereitos”.
O portavoz da maior asociación cultural de Galiza, que conta con máis de 3.500 socias e socios, tamén reclamou que a Deputación dea a coñecer cales foron as contías “malgastadas” nesta actividade na que, segundo amosan os testemuños gráficos, non participaron máis de 30 persoas. “Parece que para atacar o galego non hai austeridade”, denunciou.
Ademais, o presidente desta entidade afirmou que “aínda que os dirixentes actuais do PP se nos queren presentar como modernos, a verdade é que hai que ser moi reaccionario para levar a cabo políticas como estas” e preguntouse “se os gobernantes da Deputación pensan que os libros escritos en galego teñen algo tóxico e por iso decidiron que non se compren máis desde a institución, como se viña facendo desde hai lustros”.
Fronte a estas políticas, Callón defendeu “unha política verdadeiramente encamiñada á convivencia, á igualdade e á liberdade lingüística” e proclamou que “se alguén, honestamente e coa man no corazón, defende o bilingüismo, o que ten que defender é que haxa igualdade de dereitos do galego co castelán, para o cal é necesario promocionar a lingua discriminada, que ademais é a nosa lingua propia e histórica”. “Sen igualdade, a liberdade lingüística é imposíbel”, sinalou.
Todas estas declaracións foron realizadas polo dirixente da Mesa ás portas da institución provincial, onde ía levarse a cabo unha entrevista entre el e Rafael Louzán, o presidente da Deputación de Pontevedra, solicitada había meses. Finalmente, este encontro non se produciu porque a sede da administración se fechou cando, minutos antes, se achegaron ás súas inmediacións as traballadoras da empresa Treves. Callón lamentou a “falta de corrección institucional” e criticou a “actitude medieval” de fechar as dependencias dunha administración polo feito de que se concentren traballadoras “que lexítima, pacífica e constitucionalmente están a defender os seus postos de traballo”. No entanto, o presidente da Mesa agarda que “esta xuntanza que ía realizarse hoxe poidamos mantela o máis axiña posíbel”.
|