ADMINISTRACIÓN.- A Mesa lamenta que haxa 'altos cargos da Xunta que presuman de ignorar o galego'
[16/10/2009]
A entidade anima a que “ninguén que ame o galego fique na casa este domingo”
A Mesa pola Normalización Lingüística considera unha “mostra do racismo lingüístico que practican os actuais dirixentes do PP” o feito de que cada vez haxa “máis altos cargos da Xunta que presuman de ignorar o galego ou, aínda sabéndoo, se neguen a utilizalo”. A maior asociación cultural de Galiza critica a negativa de onte do director xeral de Mobilidade da Xunta a utilizar a lingua propia do país no Parlamento, mesmo chegando a facer un uso consciente de topónimos ilegais e deturpados, “coa única finalidade de provocar, o que di moi pouco da súa seriedade e responsabilidade”.
A entidade pon tamén como “exemplo desta actitude de desprezo á cooficialidade lingüística á conselleira de Sanidade, que hai tres semanas se negou a responder unha entrevista en galego na TVG”. A Mesa censura que o PP fale “con todo o cinismo e hipocrisía de bilingüismo, cando na realidade unha parte importante dos actuais responsábeis da Xunta son monolingües militantes contra o galego”. A asociación sinala que “hai cargos da administración autonómica que non queren nin aprender a falar galego, e non porque sexa un idioma difícil, senón porque o desprezan profundamente”.
Desde A Mesa, lembran que o Parlamento galego aprobou por unanimidade en 2004, cando ratificou o Plan xeral de normalización da lingua galega, unha resolución que insta a todos os responsábeis da Administración galega a faceren uso normal do idioma propio do país. Alberto Núñez Feijóo era daquela o vicepresidente da Xunta. Nese mesmo sentido vai a Lei de Transparencia da Administración, que estabelece que os cargos públicos autonómicos “usarán normalmente o galego, oralmente e por escrito, nas relacións coa cidadanía”
Para A Mesa, “estas actitudes de odio cara ao galego demostran a importancia de nos movermos na súa defensa en manifestacións como a convocada para o vindeiro 18 de outubro pola plataforma Queremos Galego”. A asociación, impulsora e integrante de Queremos Galego, chama a que “ninguén que ame a nosa lingua fique na casa este domingo”.
|