A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

QUEREMOS GALEGO.- 100.000 persoas colapsan Santiago na defensa do galego, nunha das maiores manifestacións da historia de Galiza


[18/10/2009]

Carlos Callón pediulle a Feijóo “que aparque a prepotencia, a arrogancia e as políticas galegófobas, porque un presidente serio e responsábel escoita a sociedade”

Queremos Galego, a plataforma promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística e que hoxe agrupa a 500 entidades do máis diferente tipo, estimou en 100.000 persoas as asistentes á manifestación realizada hoxe nas rúas de Compostela.

Carlos Callón, que falou no acto final no nome das asociacións, institucións e persoas a título individual que conforman a plataforma, constatou que se trata “da maior manifestación en defensa do galego e unha das maiores mobilizacións de toda a historia de Galiza”. O feche da marcha, no cal interviñeron tamén Patricia Vázquez, Xurxo Souto e Avelino Pousa Antelo, tivo que repetirse dúas veces, mais mesmo así “houbo moitísima xente que non deu entrado, pois había persoas aínda saíndo da Alameda cando na praza da Quintana xa non collía ninguén”. Por iso, Callón non dubidou en advertir de que “se o presidente da Xunta non toma nota, a próxima será sen dúbidas no Obradoiro”.

Callón comezou a súa intervención lamentando o silenciamento e manipulación informativa sobre Queremos Galego por parte da TVG e salientou que “esta é a verdadeira manifestación pro vida, en defensa dunha lingua galega viva e dun pobo galego vivo” e foi comentando os principais ataques contra o noso idioma por parte dos actuais gobernantes: no ensino, no acceso á función pública, na eliminación das axudas á tradución etc. “Defendemos o dereito básico a podermos vivir en galego e a aplicación dos consensos sobre promoción do noso idioma propio aos que chegamos entre todas e todos, que agora o PP está a romper unilateralmente”, exclamou. “Agardaban un pobo abúlico e encóntranse cunha resposta social enorme, un movemento de conscienciación cidadá que fará reverdecer a nosa lingua”.

Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, lembrou que, como dixera Daniel Castelao –a quen el coñeceu– “se aínda somos galegos e por obra e graza do idioma”. Pola súa banda, a actriz Patricia Vázquez afirmou que “por vez primeira en toda a historia da autonomía, o Goberno galego non só non está a defender a nosa lingua propia, senón que encabeza o ataque contra o seu uso”. Por último, Xurxo Souto realizou unha alocución intercalada tamén con cancións e fixo unha referencia especial á xente nova das principais vilas e cidades, á cal animou a que “pase de espectadora a protagonista na loita pola defensa do noso idioma”.

Arriba

Máis noticias

QUEREMOS GALEGO.- Acto aberto de apoio ao profesorado afectado polo decretazo contra o galego

QUEREMOS GALEGO.- A Plataforma convoca unha reunión nacional do seu Plenario para este sábado 8 de maio

EUROPA.- Unha delegación de Queremos Galego percorrerá hoxe e mañá en Bruxelas diferentes instancias internacionais para denunciar as políticas de desmantelamento de oficialidade do galego

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate