A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

MOCIDADE.- As Mocidades da Mesa animan a comprar a versión en galego da edición especial de Astérix polo seu 50 aniversario, que se pon á venda hoxe


[23/10/2009]

O colectivo xuvenil en defensa da lingua desenvolveu desde 2005 distintas iniciativas dirixidas á editora Salvat para reivindicar “a volta de Astérix ao galego”

A Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, anima as persoas de todas as idades a compraren na súa versión en galego a edición especial das aventuras de Astérix co gallo do 50 aniversario, que desde hoxe está á venda en todas as librarías do país.

Astérix e Obélix –O Libro de Ouro, que así se chama a edición especial da popular banda deseñada creada polos autores Goscinny e Uderzo, sae hoxe ao mercado a nivel mundial traducida para un total de 14 linguas, entre as que se encontra o galego. Trátase do primeiro número en varios anos que se edita tamén no idioma propio de Galiza desde que a editora Salvat Bruño se responsabilizou da edición e comercialización das aventuras dos guerreiros galos.

As Mocidades da Mesa, que xa eran coñecedoras da noticia a través da propia editora Salvat Bruño desde agosto do pasado ano, consideran o lanzamento desta edición especial das aventuras de Astérix “unha noticia excepcional que merece que nos deamos os parabéns todas aquelas persoas, especialmente xente nova, que traballamos durante varios anos para que Astérix e os seus amigos volvesen falar en galego”.

O colectivo xuvenil da Mesa desenvolveu desde o ano 2005 unha intensa e exitosa campaña, centrada sobre todo en centros de ensino de todo o país, dirixindo millares de correos electrónicos, cartas e sinaturas a Salvat Bruño para reclamar “a volta de Astérix ao galego”. Desde entón, fixéronselle chegar aos responsábeis da edición e distribución da banda deseñada para o Estado español máis de 11.000 sinaturas individuais, o apoio á reivindicación de multitude de centros de ensino e mesmo iniciativas ben orixinais, como a dun grupo de alumnas e alumnos do 1º ciclo da ESO no IES Esparís de Brión que mesmo chegaron a traducir da súa man para o galego un dos números para demostrarlle a Salvat Bruño “que o galego non é tan complicado”.

A Mocidade pola Normalización Lingüística chama a toda a sociedade en xeral, “independentemente da idade”, a que acuda desde hoxe ás librarías e tendas especializadas de todo o país a adquirir esta nova entrega de Astérix na súa versión en galego, “como unha mostra máis de compromiso coa normalidade da nosa lingua”.

Arriba

Máis noticias

CIBERIRMANDADE.- Nova campaña na rede contra a decisión de Salvat Bruño de non publicar en galego as novas aventuras de Astérix

MOCIDADE.- Astérix e os seus amigos seguirán sen falar en galego na edición especial conmemorativa da creación da popular banda deseñada

ASTÉRIX.- A Mocidade pola Normalización Lingüística propón aos centros de ensino que non compren libros da editora que non quixo publicar en galego o último álbum de Astérix

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate