A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

A CORUÑA.- A Mesa cualifica como unha ”oda á crispación e ao pasado” a posición do PP no pleno extraordinario sobre o topónimo celebrado hoxe na Coruña


[26/10/2009]

A maior asociación cultural de Galiza pídelle a Carlos Negreira que “non empregue en van” o nome de todas as coruñesas e coruñeses para “xustificar” a súa “deriva galegofóbica” e a súa aposta pola “estratexia da confrontación”

Fran Rei, vicepresidente da Mesa: “O que ten que facer agora o Concello da Coruña é cumprir punto por punto a lexislación democraticamente aprobada e facer normal de vez o uso do galego”

A Mesa pola Normalización Lingüística cualifica de “oda á crispación” e de ”excursión polo pasado” a posición mantida polo Partido Popular durante a sesión do pleno extraordinario solicitada polo seu grupo municipal e celebrada esta mañá no Concello da Coruña para debater sobre a cuestión da denominada “cooficialidade” do topónimo da cidade.

A Mesa, que acudiu como público á sesión plenaria nas persoas do seu vicepresidente, Fran Rei, e da súa secretaria xeral, Iria Taibo, constatou como “o ideario argumentativo do Partido Popular e do seu portavoz e alcaldábel, Carlos Negreira, cae no máis predemocrático dos discursos mal chamados coruñesistas” e, por demais, nunha tese que desde a asociación cidadá en defensa do galego describen como “do bilingüismo invisíbel”, onde este concepto “é usado como a coartada perfecta”, mais sempre coa condición “de nunca exercelo na práctica”.

Segundo Fran Rei, tamén responsábel da Mesa na Coruña, “o de Carlos Negreira é un discurso inzado de prexuízos, tópicos e ideas falsas sobre a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa historia e a súa suposta vinculación coa nosa cidade”. Segundo indicou o vicepresidente da Mesa, “tal ideario antidemocrático leva mesmo a invocar decote o nome da inmensa maioría das coruñesas e dos coruñeses para tentar xustificar o racismo lingüístico dunha minoría”, un nada decoroso recurso que “lamentabelmente, non é exclusivo nin de Negreira nin do Partido Popular, malia que agora se apropien del e o axiten a conveniencia”.

A Mesa desafía a Carlos Negreira e ao grupo municipal do Partido Popular a que “amosen e expliquen” os estudos de opinión e traballos sociolingüísticos, se os houber, que sustenten a rotunda afirmación de que “máis do 90% da cidadanía coruñesa desexa que o topónimo deturpado *La Coruña sexa oficial”.

Desde A Mesa sinalan que, pola contra, si existe un estudo científico pormenorizado, elaborado en 1995, un ano após a primeira sentenza xudicial favorábel ao uso do galego, que “nega as imaxinativas estatísticas inventadas polo PP“ e afirma un “equilibrio relativo” nas preferencia entre unha e outra forma, mais un “desexo maioritario” en favor do “cumprimento da legalidade” por parte do Concello da Coruña e en favor de “renunciar” á absurda batalla xudicial que, co paso dos anos, supuxo ás arcas municipais coruñesas un investimento de máis de 300.000 € coñecidos. Fran Rei considera que “de se actualizar hoxe ese traballo, os resultados favorábeis á denominación oficial e orixinaria da Coruña serían aínda moi superiores, independentemente da lingua de uso habitual ou mesmo do emprego cotián dunha ou doutra forma toponímica”.

A Mesa considera que a desautorización da tese defendida polo Partido Popular no pleno extraordinario celebrado hoxe para facer oficial o topónimo barbarizado debe servir para que Carlos Negreira entenda de vez que “non todo vale con tal de chegar á alcaldía” e que “debe mudar a súa actual estratexia da mentira, da distorsión e da confrontación”.

Porén, a maior asociación cultural do país tamén considera que a de hoxe debe ser “a derradeira liña dun epílogo felizmente superado” e é nese sentido que chama ás forzas políticas con representación na corporación municipal coruñesa, sinaladamente ás que ostentan responsabilidades de goberno, “a aplicar sen ambaxes a legalidade vixente e democraticamente aprobada” e a “garantir que o galego sexa de vez unha lingua viva, presente en todos os ámbitos da vida municipal”.

Arriba

Máis noticias

A CORUÑA.- Varias asociacións de veciños da Coruña únense para defender a lingua e o topónimo

A CORUÑA.- A Mesa pídelle ao PSOE que “recapacite” e non faga de “parvo útil” do PP na súa política contra o galego

A CORUÑA.- Preséntase na Coruña “O galego medra contigo”, un programa de actividades dirixido aos nenos e nenas da cidade

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate