XUNTA.- A Mesa recórdalle á Xunta que ‘se non escoita e muda a súa política contra o galego, será denunciada en foros internacionais’
[28/11/2009]
Carlos Callón recoñece que o proceso será “lento”, mais considera “un enorme impulso” contar co respaldo unánime do Comité de Estado da Axencia Europea para as Linguas Minorizadas
A Mesa pola Normalización Lingüística lembrou hoxe, como resposta ás declaracións dos titulares de Educación e Cultura sobre a resolución da Axencia Europea de Linguas Minorizadas (EBLUL), que se a Xunta non muda a súa política lingüística “será denunciada nos foros internacionais dos que este organismo é entidade consultiva: o Parlamento europeo, o Consello de Europa e a ONU”. “É triste escoitar declaracións irresponsábeis e frívolas de altos cargos da Xunta, mais este proceso internacional non fixo máis que comezar e levarase adiante até as últimas consecuencias”, sinala o presidente da Mesa.
Carlos Callón recoñeceu hoxe que este proceso será “lento”, mais está “convencido, polo propio calendario de traballo destas institucións internacionais, que veremos resultados importantes ao longo desta lexislatura”. Tamén sinalou que “contar co respaldo desta Axencia Europea supón un enorme impulso para trasladar de forma directa e eficaz a situación que estamos a padecer”.
O presidente da Mesa e representante galego no EBLUL sinalou que estas denuncias se basearán nos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos que está a vulnerar a Xunta, de entre os cales salienta a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias. “Calquera cidadán interesado pode consultar na páxina web do Consello de Europa un informe deste prestixioso organismo no que se sinalan unha serie de recomendacións que a Xunta está a desouvir conscientemente”, sinala Callón.
Este informe do Comité de Expertos do Consello de Europa emitiuse a finais do ano pasado. Nel, entre outras cousas, elóxiase o modelo educativo das Galescolas e recoñécese o paso dado co decreto 124/07, aínda que se insta aos poderes públicos a adoptar novas medidas de impulso da lingua propia. Para Callón, “que haxa altos cargos da Xunta, como os conselleiros de Educación e Cultura ou o secretario de Política Lingüística, que digan que non están a incumprir coa Carta europea é unha burla ao Consello de Europa e tomarnos aos cidadáns por parvos”.
“Como resposta á resolución da Axencia Europea, chegamos a escoitar por boca de altos cargos da Xunta que non era certo que se desmantelase o modelo educativo das Galescolas nin que se tomasen medidas contra o galego no ensino. Será que vemos galiñas azuis por algún tipo de distorsión cognitiva e o decreto xa promulgado no que se reduce a presenza da nosa lingua nas etapas educativas de menos de seis anos é outra ilusión óptica”, critica Callón.
O representante galego no EBLUL manifesta tamén a súa “satisfacción” porque Galiza teña “voz e voto, de forma destacada” na Axencia Europea para as Linguas Minorizadas, cuxo Comité de Estado preside nun mandato que comezou en 2008 e finalizará en 2011. “Desde A Mesa entendemos que a Xunta debería celebrar que a lingua galega estea presente e conte cunha voz que a defenda en federacións internacionais como esta, mais parece que o que é bo para a cultura galega sempre é valorado como mao polo goberno de Núñez Feijóo”.
Ademais, desde A Mesa sinálase que o EBLUL non é unha “ong irlandesa”, senón unha federación de entidades en defensa da diversidade lingüística, de ámbito continental e impulsada polo Parlamento europeo. “Nestes momentos, a súa presidenta é irlandesa e a sede está en Dublín, custeada polo goberno irlandés, mais é unha axencia europea, con delegacións nos diferentes estados”. |