A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

ENSINO.- A Mesa advirte á Xunta de que ‘calquera decreto que vaia por debaixo do 50% en galego será nulo de pleno dereito’


[22/12/2009]

A Lei de normalización lingüística estabelece no seu artigo 13 que as medidas para galeguizar o ensino deben ser “progresivas”

Ante a inminente presentación dun novo decreto de uso do galego no ensino non universitario, A Mesa pola Normalización Lingüística advirte ao goberno autonómico de que “calquera proposta que vaia por debaixo do 50% de docencia no idioma propio do país será nula de pleno dereito, xa que vulnerará a Lei de normalización lingüística”.

A norma aprobada en 1983, considerada de desenvolvemento estatutario, estabelece no seu artigo 13.2 que “as Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino”. Iso significa que calquera proposta de decreto que sexa regresiva será directamente inválida. Cómpre lembrar, ademais, que o propio presidente da Xunta sinalou a semana pasada que a proposta que presenten estará “de acordo coa Lei de normalización lingüística”.

A Mesa lembra que o goberno de Núñez Feijóo se encontra con outros obstáculos no seu “ataque contra a nosa lingua no ensino”. Por unha banda, que “é obriga dos poderes públicos garantir que os rapaces e as rapazas finalicen cada etapa educativa coas competencias comunicativas tanto de galego como de castelán”. “Diferentes estudos demostran que no caso do galego iso non se está a conseguir, polo que non tería sustento legal que se producise unha redución da presenza do idioma desfavorecido”, apuntan desde a asociación, que remite por exemplo ás últimas enquisas elaboradas pola Real Academia Galega e a propia Xunta, así como aos datos do censo de poboación e vivendas.

Desde a asociación en defensa do idioma manifestan a súa “convicción plena” de que “calquera proposta regresiva será tombada polos tribunais”. Ademais, confirman que a desprotección do galego no sistema educativo tamén conlevaría unha condena internacional, xa que “os tratados sobre dereitos lingüísicos asinados polo Estado español sinalan un camiño claro de restauración dos idiomas propios, que ningún goberno democrático pode saltarse unilateralmente”.

Arriba

Máis noticias

ENSINO.- A Mesa reclámalle ‘transparencia’ á Xunta sobre canto vai custar ‘ás arcas públicas e ás economías familiares’ a orde de que se desboten miles de libros de texto en galego

ENSINO.- A Mesa vai presentar un recurso xudicial para parar o decretazo contra o galego no ensino

ENSINO.- A Mesa lamenta que o PP queira mudar ‘unilateralmente’ a Lei de normalización lingüística e lembra que ‘o decretazo presentado hoxe conculca a Constitución e o Estatuto’

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate