ENSINO.- A Mesa acusa ao presidente da Xunta de ‘dividir os galegos por causa da lingua’ e pídelle que ‘aprenda a conxugar o verbo escoitar’
[07/01/2010]
A asociación reclámalle a Núñez Feijóo que “baixe a bandeira do odio contra o galego que ergueu na precampaña”
A Mesa pola Normalización Lingüística valora que a política lingüística levada a cabo por Alberto Núñez Feijóo nos nove meses que leva como presidente da Xunta supón “dividir os galegos por causa do idioma”, creando unha “crispación sen precedentes nun aspecto que a todas e a todos nos debería unir”. A entidade reclámalle ao presidente do Goberno galego que “regrese aos consensos que rompeu unilateralmente, aparque a prepotencia e aprenda a conxugar o verbo escoitar, tanto ás comunidades educativas como ao conxunto da sociedade”.
A maior asociación cultural de Galiza bótalle en cara a Núñez Feijóo que “manteña en pé a incívica bandeira do odio contra o galego que ergueu na precampaña das autonómicas”. “Só nesa liña se pode entender unha agresión tan forte contra o noso idioma propio como a que supón este decreto que reduce a mínimos históricos a presenza da nosa lingua no sistema educativo non universitario”, aseveran.
A Mesa lémbralle tamén ao presidente da Xunta que a proposta de decreto que presentou “vulnera ostensibelmente tanto tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos como a Lei de normalización lingüística”. Esta lei, aprobada por unanimidade en 1983, estabelece no seu artigo 13.2 que “as Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino”. Por iso, para A Mesa, esta proposta de decreto, ao ser regresiva, é “nula de pleno dereito”.
Ademais, desde A Mesa amosan a súa “total convicción” de que a proposta de decreto contra o galego que presenta Núñez Feijóo, de se aprobar, “suporá unha contundente condena internacional por parte de organismos como o Consello de Europa, xa que se están a vulnerar dereitos básicos recoñecidos pola Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias, que a Xunta non pode desouvir”.
A asociación chama ás comunidades educativas e ao conxunto da sociedade a se mobilizar o 21 de xaneiro “en defensa da aplicación dos consensos básicos sobre lingua a que chegamos entre todas e todos”.
|