ENSINO.- Queremos Galego prevé a xornada de paro xeral no ensino do 21 de xaneiro como “unha mobilización masiva histórica” en defensa da lingua, a igualdade e a convivencia
[12/01/2010]
A plataforma percorre a partir de hoxe a totalidade dos centros para chamar á folga contra o “decretazo” e convocará actos nas comarcas para informar ás comunidades educativas e á sociedade en xeral
Carlos Callón, presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego: “O borrador presentado, que xuridicamente é nulo de pleno dereito, é unha agresión contra a convivencia e un disparate que afondará na eiva do fracaso escolar do alumnado”
Na mañá de onte a plataforma cidadá Queremos Galego, representada polas organizacións integradas na súa estrutura que fan parte da comunidade educativa (A Mesa, CIG-Ensino, STEG, AS-PG, Comités, Sindicato de Estudantes, Iniciativa Estudantil Galega e varias anpas e coordinadoras comarcais de equipos de normalización e dinamización lingüística), presentou en conferencia de imprensa os materiais que a partir de hoxe mesmo está a distribuír nos centros de ensino de todo o país para chamar a todo o profesorado e alumnado do ensino non universitario á folga xeral do vindeiro 21 de xaneiro, en resposta ao proxecto de“decretazo” contra o galego presentado polo goberno da Xunta o pasado 30 de decembro.
75.000 folletos, 50.000 cartaces e 100.000 adhesivos serán distribuídos en toda a rede de centros entre hoxe e o propio día do paro xeral. O deseño, elaborado en exclusiva para a ocasión polo deseñador Pepe Carreiro, está protagonizado polos seus coñecidos personaxes de banda deseñada infantil “Os Bolechas”. A imaxe ilustra unha sociedade e unha comunidade educativa –desde a xente máis nova até a adulta –unidas en defensa do noso idioma propio.
Precisamente porque a defensa do galego no sistema educativo é algo que non só compete á comunidade educativa, a plataforma Queremos Galego, a través das súas 24 estruturas comarcais no país, desenvolverá durante os vindeiros días actos informativos en diferentes comarcas para analizar algúns dos aspectos máis regresivos do borrador de “decretazo” presentado e, ao tempo, chamar ao conxunto do pobo galego a seguirse mobilizando.
Con ese apelo ao conxunto da sociedade –especialmente ás comunidades educativas en folga, mais non só – Queremos Galego prevé que a manifestación nacional convocada o mesmo día 21 ás 11.30 da mañá, con saída da Alameda e chegada a San Caetano, sexa de novo un acto multitudinario. Para facilitar o desprazamento de toda a xente interesada en asistir, a plataforma está a organizar un dispositivo de autobuses desde diferentes comarcas cuxos detalles poderán consultarse nos próximos días na páxina www.queremosgalego.org
No nome de Queremos Galego e das entidades do ensino presentes, Carlos Callón, presidente da Mesa, sinalou que “fronte a un decretazo que representa a peor involución para o galego nos 30 anos de etapa autonómica, hai unha práctica unanimidade na comunidade educativa que o rexeita”. Nese sentido, valorou que a do 21 de xaneiro é unha convocatoria “en defensa dos consensos básicos construídos arredor da lingua en democracia, da igualdade e da convivencia”. Fronte a iso, Callón situou “o discurso da crispación do PP, que está ficando só, sen máis apoio que os das entidades máis directamente vinculadas”.
O presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego referiuse ao proxecto de decreto como “un texto que do punto de vista xurídico é nulo de pleno dereito”, segundo indican os primeiros informes xurídicos que A Mesa encargou, ademais de “afondar no fracaso escolar do alumnado” e “camiñar pola vía oposta á recomendada desde instancias internacionais como o Consello de Europa” no que a adquisición da competencia en galego se refire. Callón lembrou que estudos como o do INE, Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega ou Consello Escolar de Galiza teñen sinalado amplamente que en Galiza “un 20% do alumnado finaliza a etapa obrigatoria sen competencias suficientes para se expresar en galego”.
Por último, sobre o suposto proceso de consultas con entidades políticas e sociais ou institucións do ámbito da cultura que terá lugar para falar sobre o proxecto de decreto, Callón afirmou “non ter noticia ningunha” sobre o posíbel calendario. Porén, as diferentes organizacións do ensino integradas en Queremos Galego acudirán a un proceso de diálogo “sempre e cando este non sexa unha pantomima”. Con todo, desde a plataforma valórase “complicado chegar a acordos” con quen xa de entrada afirma que “o decreto será aprobado si ou si”, como lle manifestara o Conselleiro de Educación a dirixentes da Mesa nunha entrevista que mantiveron hai xa varios meses.
Sobre a negativa de Jesús Vázquez Abad e do Secretario xeral de política lingüística, Anxo Lorenzo, a “consensuar o borrador de decreto con extremistas”, Carlos Callón constatou ironicamente que “logo debe ser que para Vázquez e Lorenzo todos os que non estean de acordo con eles son extremistas”. “Normalmente, quen pensa ao seu arredor que todos son maos menos un propio é quen na realidade ten o problema”, engadiu.
|