MOCIDADE.- Reunións comarcais abertas da Mocidade da Mesa este sábado en Lugo e Ferrol
[18/03/2010]
A sección xuvenil da Mesa inicia un proceso de xuntanzas en diferentes comarcas do país co obxectivo de crear unha estrutura territorial do colectivo parella á das zonas da Mesa
A Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa, está a experimentar un intenso e ilusionante proceso de renovación e reactivación desde hai algúns meses.
Logo da exitosa convocatoria de varios encontros de traballo celebrados desde o pasado mes de decembro en Santiago de Compostela, o colectivo xuvenil da Mesa acordou apostar por un vello obxectivo: crear unha estrutura territorial da Mocidade pola Normalización en diferentes comarcas e localidades do país, que vaia parella á estrutura zonal que ten A Mesa.
Con ese obxectivo, a Mocidade convoca para este sábado 20 de marzo os seus dous primeiros encontros comarcais, con carácter aberto á participación de calquera persoa que estiver interesada en achegarse.
En Lugo terá lugar unha reunión ás 12 da mañá no local da Cova da Terra (Rúa das Nóreas, 12 - baixo)
Xa á tarde, haberá unha xuntanza en Ferrol ás 17 horas no local da Sociedade Cultural Medulio (Praza de España, 34 -3º, edificio de Caixa Galiza)
Se quixeres recibir máis información sobre a sección xuvenil da Mesa ou sobre cando se celebrará unha reunión na túa comarca, envía un correo a mocidade@amesanl.org |