ENSINO.- A Mesa reclámalle ‘transparencia’ á Xunta sobre canto vai custar ‘ás arcas públicas e ás economías familiares’ a orde de que se desboten miles de libros de texto en galego
[24/06/2010]
Carlos Callón: “Que Núñez Feijóo obrigue as familias a comprar libros de texto novos, con tal de que non estean en galego, cando xa os hai gratuítos, dános a medida do extremismo contra a cultura galega deste goberno da Xunta”
A Mesa acusa a dirección do PP de ter unha “actitude inquisitorial” cos libros en galego e denuncia que “no que levamos de lexislatura con Feijóo como presidente, xa se organizaron varios autos de fe contra os libros escritos no noso idioma”
Un día despois de que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, se negase no Parlamento a ofrecer datos sobre canto custará a substitución de miles de libros de texto que agora mesmo están en galego, A Mesa pola Normalización Lingüística reclámalle ao presidente da Xunta “transparencia e honestidade” sobre os custos que vai supor “para as arcas públicas e para as economías familiares” unha medida que, desde esta organización cultural, non dubidan en adxectivar como “un auto de fe contra a lingua galega”.
Para a maior asociación cultural de Galiza, “é lamentábel a actitude inquisitorial da dirección do PP contra os libros escritos en galego”. O presidente da entidade, Carlos Callón, enumera unha “longa lista de ataques, desde marzo de 2009, contra as obras publicadas no noso idioma”, entre os cales sinala “a destrución por parte da Consellaría de Cultura de miles de obras en galego baixo a chuvia o pasado Día do Libro, a orde da Deputación de Pontevedra de deixar de adquirir volumes en galego para as bibliotecas, o golpe da Consellaría de Cultura contra a rede de traducións de libros ao noso idioma (o galego foi a única lingua do Estado que careceu destas axudas), a eliminación do incentivo ao galego na conformación das bibliotecas escolares etc”. Para A Mesa, é nesta “liña fóbica e extremista contra a nosa cultura” onde se inscribe tamén a “orde da Consellaría de Educación de que se desboten os miles de libros gratuítos en galego para as materias científico-técnicas, que serían perfectamente útiles para poder utilizar nas aulas tamén o vindeiro curso escolar”.
“Núñez Feijóo debería explicar canto diñeiro nos custan a todos os galegos e todas as galegas estes ataques contra a nosa cultura e, ademais, dicirnos por que lle molesta tantísimo que teñamos unha lingua e unha cultura propias”, concluíu Callón.
|