A Mesa pola Normalización Lingüística
Noticias
Quen somos?
Que facemos?
Campañas
Mediateca
Lexislación
Ligazóns
Colectivos
Especiais
Tenda
Asóciate

ADMINISTRACIÓN.- A Mesa apresenta unha táboa de demandas urxentes para o novo Goberno central


[08/04/2004]

O Presidente, Carlos Manuel Callón, e a Secretaria Xeral da Mesa, María Xosé Jamardo, apresentaron hoxe a táboa de demandas urxentes para o novo Goberno central. Estas solicitudes foron enviadas ás deputadas e deputados, e senadoras e senadores, eleitos polas circunscricións galegas (e, no caso dos senadores, tamén aos designados polo Parlamento Galego). Así mesmo, enviaranse tamén ao novo presidente do Goberno, ministros/as e outros cargos que estean implicados no cumprimento destas demandas, unha vez que sexan eleitos.

Trátase dunhas solicitudes en positivo, algunhas das cales se considera que se deben poder cumprir xa antes de que termine o ano en que nos encontramos, por se tratar da aplicación real no noso país de lexislación que leva xa moitos anos en vigor.

Eis a táboa de exixencias urxentes:

ADMINISTRACIÓN

  • Avaliación e cumprimento, antes de que termine o ano 2004, do artigo 6 do Decreto 1466/99. (Neste Decreto estabelécense criterios de imaxe institucional e regúlase a produción documental e o material impreso da Administración Xeral do Estado. No seu artigo sexto indica que as sinalizacións exteriores de identificación das dependencias administrativas, así como o contido máis relevante dos carteis de carácter informativo ou publicitario que se elaboren para ser ubicuados no ámbito territorial dunha comunidade autónoma con lingua propria cooficial, redixiranse en castelán e na lingua cooficial correspondente. Na Galiza esta norma estase a incumprir moi maioritariamente, sendo o exemplo máis notorio e escandaloso de infracción a rotulaxe da “Delegación del Gobierno” na Coruña.)


  • Avaliación e cumprimento, antes de que termine o 2004, do uso da toponimia oficial da Galiza en rotulaxes, páxinas web, etc, adecuando dunha vez as bases de datos de toda a Administración á legalidade vixente desde hai dúas décadas.


  • Modificar a Lei de Rexime Xurídico e Procedemento Administrativo Común, para que os cidadáns e cidadás poidan dirixirse á Administración Central en calquera das linguas (co)oficiais do Estado.


MEDIOS DE COMUNICACIÓN

  • Utilización da toponimia oficial en todos os medios de comunicación do Estado, que nestes momentos son os únicos que non o fan (p. ex., Canal 24 Horas de TVE).


  • Equiparar as desconexións horarias de TVE en Galiza coas realizadas en Cataluña, e facer sempre estas desconexións na lingua propria do país. É necesario aumentar o financiamento para produción propria no Centro Territorial da Galiza.


  • As desconexións informativas de RNE para Galiza deberán facerse en galego.


  • Recuperación dunha emisora de RNE que emita en galego. (Radio 4, de RNE, emitiu en galego até 1992, cando foi suprimida, mais continúa en Cataluña, coa súa función de ser a emisora de RNE que emite integramente en catalán.)


  • Nos programas estatais, potenciar a presenza habitual de solistas e grupos musicais que fan uso das diferentes linguas do Estado, incluído o galego. Nestes momentos dáse o paradoxo de que artistas con grande éxito de vendas e con éxito de crítica e público noutros estados non aparecen, ou só aparecen marxinalmente, na grella de TVE.


XUSTIZA

  • É moi importante reformar a Lei Órgánica do Poder Xudicial para que os xuíces e xuízas, fiscais e demais funcionariado público da Administración de Xustiza destinado na Galiza teña que acreditar o coñecemento do galego.


  • Realizar unha inspección nos Rexistros Civís para avaliar a situación de respeito pola oficialidade do galego.


  • Reformar a normativa rexistral e hipotecaria, para facilitar o uso do galego noutros Rexistros dependentes de Xustiza (Propriedade e Mercantil), para que os asentos se redixan e inscriban no idioma orixinal en que se apresenten os documentos.


PÁXINAS WEB

  • Colocar unha versión nas diferentes linguas (co)oficiais do Estado, entre elas o galego, das diferentes páxinas web dependentes ou promovidas pola Administración do Estado, incluídas as empresas públicas. (Neste momento, a pesar dos escasos custos que isto conlevaría, case todas as páxinas web do Estado teñen versión monolingüe en castelán, e algunhas especialmente relevantes, como a da Axencia Tributaria (www.aeat.es), teñen versión en castelán e catalán.)


CULTURA

  • Reformar o Instituto Cervantes, para que atenda equitativamente a difusión das culturas española, catalá, galega e basca. (Nestes momentos, a suposta difusión que este Instituto fai do galego é irrisoria, pois só se imparte clases da nosa lingua nunha única cidade en todo o planeta…)


  • O Ministerio de Cultura debe promover a cultura editorial, cinematográfica, etc, nas diferentes linguas (co)oficiais do Estado.

Arriba

Máis noticias

MEDIOS DE COMUNICACIÓN.- Importantes pasos para o galego en RNE e TVE

     
   

Noticias | Quen somos | Que facemos | Campañas | Mediateca | Lexislación
Ligazóns
| Colectivos | Especiais | Tenda | Asóciate