CINEMA.- A Mesa pide a dobraxe para o galego de dez filmes no 2006
[28/09/2005]
O Código da Vinci e Piratas do Caribe 2 están entre os títulos que se agarda que aparezan en galego nas nosas carteleiras
O Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) estabelece que se deben dobrar dez filmes anuais ao noso idioma, entre aqueles que teñan maiores expectativas comerciais. A Mesa pola Normalización Lingüística vai reivindicar perante as distribuidoras e perante o Goberno galego que sexan traducidos, cando menos, os seguintes títulos:
1. O Código da Vinci 2. Piratas do Caribe 2: O cofre do morto 3. Ice Age 2: A fusión 4. Cars 5. Inglorious Bastards 6. O regreso de Superman 7. Sin City 2 8. X-Men 3 9. Casino Royale 10. Misión imposíbel 3
A Mesa confía en que o Goberno galego vai xestionar estas dobraxes coa máxima eficiencia e, ademais, considera que as organizacións cidadás, sindicais e políticas deben tamén “facer piña” coa Xunta para que ningunha distribuidora se negue a traducir algún destes filmes ao noso idioma.
A Mesa pola Normalización Lingüística ten desenvolvido numerosas accións para incorporar a nosa lingua ao cinema, como a campaña pola dobraxe de Harry Potter que os levou a entrevistarse cos directivos de Warner no Estado español, ou os exitosos acordos coa distribuidora Luk Internacional para a estrea na pantalla grande no noso idioma dos filmes de Shin Chan e Doraemon.
En Cataluña xa poden ver as grandes estreas na súa lingua
A situación do galego na pantalla grande é nestes momentos moi diferente da catalá. Mentres este serán non lle será posíbel a ninguén ver en galego nin un só filme en ningunha sala, no Principado de Cataluña poden asistir toda esta semana ás sesións no seu idioma de Charlie e a fábrica de chocolate, O segredo dos irmáns Grimm e Madagascar. Ademais, teñen xa comprometidas para as próximas semanas a exhibición de Wallace e Gromit: A maldición das verduras, A lenda do Zorro, Chiken Little e a última estrea de Harry Potter. |