SXPL.- A Mesa avalía os cen primeiros días da Secretaría Xeral de Política Lingüística
[26/12/2005]
Dirixentes da Mesa presentaron hoxe en Santiago a súa valoración dos cen primeiros días da Secretaria Xeral de Política Lingüística, “cun espírito crítico aínda que cun ánimo construtivo”. O Presidente e a Secretaria Xeral da Mesa sinalaron que “aínda se está a tempo de facer a viraxe cara a novas políticas que de verdade sirvan para normalizar a lingua”.
Esta trátase dunha primeira avaliación. No mes de marzo, cando se cumpran os seis meses, A Mesa fará un informe detallado, no que agardan que o saldo das actuacións da Secretaría Xeral de Política Lingüística dea un resultado ben diferente do que ofrece agora mesmo.
Sen planificación e sen entusiasmo
Estes cen días caracterizáronse pola ausencia de planificación e de entusiasmo á hora de desenvolver políticas normalizadoras. Non houbo meta ningunha e mesmo se apartou o Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), cuxas comisións levan sen se reuniren desde que se convocaron as eleccións autonómicas.
Ao non haber planificación, os elementos positivos (como o comezo do cambio de sistema de cursos do galego ou o recoñecemento público da situación da lingua) dilúense entre as inercias herdadas de pasados gobernos e as simples ocorrencias.
Se a Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén o mesmo ritmo de traballo que durante estes cen días, perderase a lexislatura.
Aparencia propagandística de diálogo
Aos poucos días de tomar posesión, a Secretaria Xeral de Política Lingüística convocou á Mesa a unha entrevista. Ese encontro, que foi anunciado por ambas as partes como un punto de partida para un “diálogo fluído”, foi até agora o primeiro e o último, a pesar da vontade da Mesa. Vemos que houbo aparencia propagandística de diálogo e de talante, mais moi pouca disposición a colaborar.
E no 2006?
Hoxe, día 26 de decembro de 2005, descoñécense totalmente as liñas que vai seguir a Secretaría Xeral de Política Lingüística para o ano próximo, se é que tales liñas se decidiron xa.
A Mesa entende que hai campos de traballo que son fundamentais, como o afortalamento dunha rede dos servizos de normalización lingüística, atendendo aos modelos elaborados polo propio sector.
Ademais, a Secretaria Xeral debe cumprir a súa palabra e tomar as medidas necesarias para que o goberno municipal da Coruña acate a Lei de Normalización Lingüística e o Estatuto de Autonomía, tanto no referido á denominación oficial da cidade como ao carácter cooficial que lle corresponde ao galego.
A Mesa pídelle tamén á Secretaría Xeral de Política Lingüística que garanta o uso normal do galego en todos os ámbitos da administración, nos medios de comunicación e no ensino. A Mesa considera que este último ámbito, onde xa hai un compromiso público da Consellaría de Educación, será a “proba do algodón” de se hai ou non unha nova política lingüística.
Os portavoces da Mesa subliñaron tamén que se debe facer que os medios de comunicación públicos cumpran co papel que lles corresponde. Nese sentido, a Secretaría Xeral de Política Lingüística debería garantir que RTVE manteña en Galiza o mesmo nivel de uso que mantén do catalán en Cataluña. Ademais, tanto a Radio Galega como a TVG deben cumprir un papel ben diferente para a lingua galega. O Presidente da Mesa ironizou que “alguén debería procurar as diferenzas entre o especial de Noiteboa de TVE1 e da TVG, a ver se encontra máis de tres ou catro”.
A noticia noutros medios:
A Mesa detecta «ausência de planificaçom e de entusiasmo» na Secretaria Geral de Normalizaçom Lingüística [PGL 27/12/05] |