MOCIDADE.- Piden que Shin Chan tamén se poida ver en galego en Cartoon Network e Antena 3
[05/02/2006]
Mocidade pola Normalización Lingüística, a través da súa responsábel nacional Iria Taibo, está a realizar xestións para que a serie Shin Chan tamén se poida ver en galego nas emisoras televisivas Cartoon Networks e Antena 3.
A sección xuvenil da Mesa recorda que este personaxe tivo un grandísimo éxito na súa dobraxe en galego, tanto na súa pasaxe pola TVG como nos seus filmes. De feito, os títulos de Shin Chan que se estrearon nas salas de cinema de Galiza fixérono en versións monolingües en galego e colleitando un grande éxito de público.
Ademais de ás emisoras de televisión afectadas, as Mocidades da Mesa dirixíronse a R, a operadora de cabo galega que conta con Cartoon Networks no seu menú de opcións. No anuncio que emite Cartoon Networks explícase que existe a posibilidade de ver a serie en castelán ou catalán, grazas ao sistema DUAL. Isto fai máis incomprensíbel aínda que non se ofreza a opción en galego, que tecnicamente non tería maiores complicacións. |