A CORUÑA.- O mundo ao revés: o delincuente denuncia a quen defende o cumprimento das leis
[21/02/2006]
A Mesa pola Normalización Lingüística celebrará unha concentración este xoves ás 10 nos Xulgados da Coruña, cunha faixa co lema “Os inocentes no xulgado, o delincuente ao Vaticano”
A Mesa lamenta o xuízo contra tres cidadáns que defenderon o cumprimento da lei e das sentenzas xudiciais no Concello da Coruña
O próximo xoves 23 de febreiro ás 10 horas nos Xulgados da Coruña celébrase a vista do xuízo a tres persoas que foron acusadas por Francisco Vázquez por “faltas” e “inxurias”, cando durante a celebración do Pleno Municipal do día 2 de novembro de 2004 este se negou a cumprir a lei e as sentenzas sobre o topónimo oficial e aprobou unha fraude de lei que pouco despois botaron abaixo os tribunais de xustiza. As persoas denunciadas son Pilar García Negro, Xosé Manuel Carril e Francisco Xosé Rei García.
A Mesa pola Normalización Lingüística convoca unha concentración para ese mesmo día e hora diante dos Xulgados, cunha faixa co lema “Os inocentes no xulgado, o delincuente ao Vaticano”. Ao presidente da Mesa, Carlos Callón, parécelle “o mundo ao revés que unha persoa que leva anos burlándose reiteradamente da lei e dos tribunais de xustiza denuncie a cidadáns que defenden o cumprimento da lexislación”. “Isto hai que interpretalo como unha burla máis de Francisco Vázquez ás leis; unha mofa reiterada que, a xuízo do que se está a ver nos últimos meses, non practicou só no referido ás cuestións lingüísticas.”
A Mesa agarda que A Coruña “pase páxina rapidamente” das actitudes fóbicas e intolerantes de Francisco Vázquez, que nin benefician a convivencia nin o progreso da cidade. |