ASTÉRIX.- A Mocidade pola Normalización Lingüística propón aos centros de ensino que non compren libros da editora que non quixo publicar en galego o último álbum de Astérix
[02/06/2006]
Estudantes de Brión diríxense á Xunta para que se traduzan ao galego todos os álbumes de Astérix
A Mocidade pola Normalización Lingüística, sección xuvenil da Mesa pola Normalización, está a enviar aos centros de ensino de todo o país unha carta animando ao boicot á editora Salvat-Bruño, tanto nos libros de texto como nas obras de apoio. O motivo deste boicot é que Salvat-Bruño decidiu deixar o galego fóra do lanzamento internacional do último álbum de Astérix, o pasado mes de outubro, e a pesar das reiteradas solicitudes nos últimos meses para que corrixisen a súa actitude, a día de hoxe continúase sen ter a versión galega.
Foron moitos os centros de ensino que neste tempo fixeron chegar a esta editora milleiros de sinaturas da súa comunidade educativa, sen recibir resposta por parte da empresa. A sección xuvenil da Mesa entende que este é un síntoma claro da indiferenza cara aos galegos e galegas por parte desta editora, e é por iso que propón aos centros que paguen coa mesma moeda a Salvat-Bruño.
Tamén a Xunta de Galiza ten coñecemento desta iniciativa, xa que un grupo de estudantes do IES Esparís de Brión, que tiña recollido máis de 1.000 sinaturas no comezo desta campaña, decidiu dirixirse ao Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e á Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, para lles pedir a súa colaboración, ou cando menos máis información sobre os posíbeis motivos para esta falta de consideración cara a nosa lingua.
A Mocidade pola Normalización Lingüística ten constancia de que o primeiro deles, Luís Bará, acudiu a este centro de ensino para se interesar polas peticións destes estudantes. De momento non recibiron resposta ningunha da Secretaria Xeral de Política Lingüística.
|